Neda promove un obradoiro sobre seguridade no fogar coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns

A actividade de prevención de riscos, prevista para o 10 de novembro, vén de abrir as inscricións.

O Concello de Neda prepara, en colaboración coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns, no marco da súa programación de actividades de saúde, un obradoiro sobre seguridade no fogar. A iniciativa, prevista para o luns 10 de novembro, busca contribuír á prevención de accidentes no ámbito doméstico.

A acción formativa, que se desenvolverá na Casa da Cultura, de 16:30 a 20:30 horas, avaliará os riscos máis frecuentes que se producen na vida diaria nos fogares (caídas, intoxicacións e queimaduras…) ofrecendo unha serie de pautas destinadas a mellorar a seguridade na cociña, no baño, no salón, no dormitorio… Así, repasaranse situacións de perigo ás que estamos expostos inconscientemente, e apuntarase como actuar ante elas.

O cursiño, impartido pola enfermeira Ana Isabel Calvo, prestará especial atención ao tema das caídas dentro e fora do fogar (barreiras arquitectónicas, accesorios de axuda) e ao colectivo das persoas maiores, que está especialmente exposto. Unha simple caída pode cambiar a vida dunha persoa anciá, tendo consecuencias nos aspectos físicos e psicolóxicos, que limiten a súa autonomía.

Finalmente, falarase da seguridade nas axudas da vida diaria no fogar, un asunto de especial interese para persoas que se ocupan do coidado de familiares dependentes, e do papel das novas tecnoloxías como facilitadoras da seguridade dentro e fora do fogar.

Xa está aberta a inscrición na actividade, que dará dereito a diploma de participación, a través da páxina web da Escola Galega de Saúde para Cidadáns (https://escolasaude.sergas.es/, apartado de cursos presenciais). Na Casa da Cultura axudarase á veciñanza interesada en participar que teña dificultades para inscribirse online.

Lea también

El Supremo anula la autorización de un eólico en Moeche al no analizar los efectos con parques cercanos

El Tribunal Supremo ha anulado la autorización administrativa del parque eólico Moeche, en la provincia …