O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, abordou co persoal da Administración de Xustiza en Ferrol a implantación da nova oficina xudicial no marco da Lei estatal de Eficiencia do Servizo de Xustiza. Tronchoni explicou que as oficinas xudiciais deben coordinarse coas oficinas de xustiza dos municipios para a adecuada práctica dos actos de comunicación e posibilitarán a intervención de residentes no municipio por videoconferencia e os demais servizos encomendados a esas oficinas.
A estrutura establecida para as oficinas xudiciais na terceira fase inclúe en todas elas un servizo común de tramitación, que realizará todas as funcións requiridas nos procedementos, e contará tamén cun servizo común xeral, para labores centralizadas e transversais non encomendadas a outros servizos, e outro de execución, destinado á ordenación dos procesos de execución.
Todos eles terán á fronte un letrado da Administración de Xustiza e neste caso divídense en áreas sen prexuízos da creación de grupos de traballo con persoal funcionario dos corpos de xestión e tramitación procesual, así como do de auxilio xudicial no caso dos servizos de tramitación e xerais.
Deste xeito, distínguense dous modelos de oficina xudicial. Por unha banda, os tribunais integrados na primeira fase que contan exclusivamente polo servizo común de tramitación, que asumirá a totalidade das funcións procesuais e administrativas, e, por outra, a integrada polo servizo común xeral, o de tramitación do tribunal de instancia e o de execución. E un segundo modelo, integrado por os tribunais da terceira fase que ademais dos mencionados servizos, contará no suposto de ser sede de audiencia provincial o Tribunal Superior de Xustiza, cun servizo de tramitación específico destas sedes.
Canto á fase de implantación, desde o 1 de xullo xa están operativas en base á normativa estatal na provincia da Coruña as de Arzúa, Betanzos, Carballo, Corcubión, Muros, Negreira, Noia, Ordes, Ortigueira, Padrón e Ribeira. Para as oficinas xudiciais do segundo modelo, situadas nas sete cidades galegas, a fase de implantación remata o 31 de decembro, na que se inclúe a cidade de Ferrol.