A Deputación da Coruña achega 90.500€ para acondicionar a piscina municipal de Moeche

A Deputación da Coruña e o Concello de Moeche asinaron esta semana un convenio de colaboración para cofinanciar as obras de acondicionamento da piscina municipal. A achega provincial sufragará o 80% do custo total da obra; isto é, a Deputación aportará 90.542,80 euros dos 113.178,50 do total do proxecto.

A sinatura do documento efectuouse esta mañá polo presidente provincial, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, nun acto que tamén contou coa asistencia da deputada de Plans, Cristina García Rey.

O proxecto contempla tres liñas de actuación principais: unha nova impermeabilización para o vaso, incluíndo o paseo lateral ata a canaleta perimetral de rebose; a substitución do pavimento peonil no perímetro da piscina, que está en mal estado con plaquetas levantadas e zonas afundidas; e a restauración da caseta con aseos existentes para convertelos nun aseo totalmente adaptado.

Piscina municipal de Moeche – AYUNTAMIENTO DE MOECHE

No caso do vaso da piscina, o recubrimento de gresite do vaso e do paseo lateral da piscina ata a canaleta de rebose comeza a presentar teselas en mal estado ou soltas, có risco de corte que isto supón para os usuarios, polo que se propón unha nova impermeabilización sobre a xa existente, sen necesidade de retirar o recubrimento actual.

En canto ao pavimento peonil existente no perímetro da piscina municipal, en mal estado, a intervención consistirá na demolición do pavimento actual para repoñelo a continuación por outro de similares características.

Xa por último, tamén se actuará sobre a caseta situada no lado oeste da piscina. Neste caso a intervención consistirá no baleirado do interior da caseta, incluíndo os solos de madeira, para deixar unicamente os cerramentos laterais e a cuberta e así proceder á súa restauración. Deste xeito, restauraranse eses cerramentos laterais e a cuberta e crearase un novo aseo totalmente adaptado no interior.

Neste espazo reservado colocarase un inodoro con barras abatibles nos dous laterais, unha ducha con billa monomando e barras fixas ancoradas aos paramentos, e un lavabo de 75 cm de altura con billa monomando e espello de parede. Tamén se deixará instalado un lavabo con espello dentro da caseta restaurada pero no exterior da zona reservada para o aseo adaptado.

O prazo de execución destas obras é de cinco meses dende a adxudicación das mesmas.

Lea también

Valdoviño volve facilitar prácticas non laborais ao alumnado do London Institute

Cinco estudantes de Programación en Linguaxes Estruturadas completarán 175 horas que lles darán acceso ao …