A Deputación da Coruña entrega unha nova furgoneta ao Banco de Alimentos

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada de Política Social, Mar García, fixeron entrega dunha nova furgoneta ao Banco de Alimentos Rías Altas (Balrial) nas instalacións da entidade. A furgoneta é unha VW Crafter de batalla longa con capacidade de carga de ata seis europalets.

Valentín González Formoso salientou que “este é unha axuda máis que aportamos a unha causa solidaria cun organismo que colabora con 140 entidades sociais da provincia e distribúe arredor de dous millóns de quilos de alimentos ao ano”. O presidente provincial lembrou que a nova furgoneta substitúe a un vehículo do ano 2004, o que “permitirá ao Banco de Alimentos Balrial continuar de mellor maneira o seu labor social grazas a unha mellor capacidade loxística”.

Formoso explicou que “as administracións que temos capacidade de aportar e compromiso coa solidariedade debemos dar un paso adiante. Iso non son só discursos, senón feitos, e por iso esta entrega é tan importante”. O presidente engadiu que nos últimos cinco anos a Deputación investiu medio millón de euros en apoio aos bancos de alimentos da provincia, e que ademais, neste 2025, concedeu unha subvención de 75.000 euros a Balrial.

O presidente provincial insistiu tamén na necesidade de seguir colaborando co Banco de Alimentos para mellorar as súas condicións operativas: “Falamos de futuro, de buscar un espazo único que facilite o labor loxístico e de almacenamento da entidade, optimizando así os poucos recursos que manexan e mellorando as condicións de traballo dos voluntarios”.

Pola súa banda, o presidente da entidade, Manuel Mora, agradeceu o apoio da institución provincial, valorando “moi positivamente a axuda, que é moi importante para o labor que desenvolvemos aquí. Xa tiñamos algunhas furgonetas un pouco vellas e esta vén a suplir a esas e a sacar máis traballo. É máis ampla e supón un aporte estupendo para nós”. Mora subliñou ademais “a colaboración constante da Deputación, que sempre nos di que si e nos axuda a solucionar problemas. Para os voluntarios que estamos aquí é unha gran axuda contar con institucións que facilitan o noso traballo”.

O Banco de Alimentos Rías Altas colabora actualmente con máis de 140 entidades sociais e concellos da provincia, fornecendo alimentos a miles de familias en situación de vulnerabilidade. A Deputación da Coruña mantén un compromiso firme coas entidades que traballan en prol da solidariedade e da cohesión social, apoiando de maneira continuada a súa actividade mediante subvencións, colaboracións materiais e acompañamento institucional.

Lea también

Galicia, con cinco corredores con metales críticos, sitúa el valor de su potencial minero en 45.000 millones

La Xunta se marca la tarea de ser «proactiva» para aprovechar estos recursos y «facilitar» …