Neda abre este luns o prazo para apuntarse ao seu magosto da terceira idade

O Concello de Neda abrirá o vindeiro luns o prazo para que a veciñanza da localidade se inscriba no Magosto da terceira idade.

Trátase dunha proposta de ocio, pensada para que as persoas maiores desfruten desta festa tradicional. A actividade terá lugar o venres 7 de novembro, a partir das 18 horas.

O centro cívico da vila volverá acoller esta cita, na que a gastronomía é elemento central, e que constitúe unha escusa perfecta para que a xente máis veterana do municipio poida xuntarse e divertirse.

Durante a celebración non faltarán a tradicional degustación de castañas asadas, nin tampouco os boliños preñados nin a proia. Ademais, haberá baile amenizado por Alejandro Caribe.

Os veciños de Neda poderán apuntarse entre o 13 e o 31 de outubro- ou ata completar aforo- nas oficinas de Servizos Sociais do Concello. A actividade será de balde para os residentes do municipio. No caso de que queden prazas vacantes, abrirase un novo prazo do 3 ao 7 de novembro, para que poidan sumarse xente doutras localidades, abonando 5 euros.

Lea también

Neda restablece el suministro de agua en todo el municipio, pero no descarta nuevas interrupciones si persiste la sequía

Los trabajos realizados por Veolia para aumentar la entrada de agua procedente del embalse de …