O Concello de As Pontes está a desenvolver un dos plans de investimento público máis ambiciosos dos últimos anos, cun orzamento global de 7.416.243,96 euros que se traduce en 55 actuacións repartidas polo conxunto do termo municipal, tanto no núcleo urbano como nas parroquias.

Estas intervencións, actualmente en execución, adxudicadas ou en proceso de licitación, teñen como obxectivo mellorar os servizos públicos, renovar infraestruturas esenciais, impulsar a eficiencia enerxética e recuperar espazos para o uso e desfrute da veciñanza.
A maior parte do investimento está xa en marcha, con obras tan significativas como a reurbanización da Praza do Barreiro, cun investimento de 372.644 euros, a recuperación da contorna da pista multideporte no Poboado da Magdalena ( 181.427 euros), a mellora da Avenida de Galicia (Fase IV) con 277.173 euros, a renovación da beirarrúa e servizos na rúa Rego do Muíño (179.465 euros), e a intervención na Avenida das Veigas e rúa Pardo Bazán (79.421), entre outras.

Outras actuacións destacadas inclúen a mellora de camiños municipais en Marraxón, Piñeiro, Porto do Liño e Terba, a renovación de pavimentos na rúa da Balsa e na rúa Real (1ª fase), así como ordenación e posta en valor do Parque da Memoria Toxo Verde, cun orzamento de 1,55 millóns de euros. Estas obras forman parte dun bloque de obras en execución, que acumulan un investimento superior aos 3,1 millóns de euros.
A este conxunto súmanse outras obras xa adxudicadas, como a rehabilitación dun edificio na Praza da Igrexa Nº3 para usos socioculturais (312.817,10 euros), a creación dun aparcadoiro disuasorio no Polígono Industrial de Penapurreira (151.565,62 euros), a mellora da eficiencia enerxética e do alumeado público nas parroquias (128.630,77 euros), a reparación de paso sobre o río Chamoselo en Pedrafita (96.110,01 euros) e a mellora da pavimentación e servizos na rúa Anduriñas e o traslado da marquesiña na rúa Camelias (223.349,31 euro) O valor destas actuacións adxudicadas supera os 912.472 euros millóns de euros.
Por outra banda, o Concello está a tramitar a licitación de novas obras que permitirán seguir avanzando na mellora integral do municipio, cun investimento total previsto de 2.209.283,03 euros.
Entre elas destacan a mellora da beirarrúa e dos servizos na marxe esquerda da rúa Rego do Muíño e nun tramo da rúa Areosa, cun orzamento previsto de 308.900 euros; a mellora dos pavimentos e servizos na avenida de Lugo, entre os números 1 e 19, cun investimento de 207.862,90 euros; e a renovación integral da rúa Casilla, cuxa intervención alcanzará os 205.000 euros.
Tamén figuran proxectos de especial interese como a segunda fase da mellora de servizos e pavimentos na rúa Pardo Bazán, cun investimento de 225.647,91 euros, así como a mellora da rúa do Sol, que contará cun orzamento de 222.449,80 euros, e a intervención na rúa Pontedeume, cunha contía de 206.381,67 euros, que contribuirán á mellora integral da trama urbana.
No ámbito da mobilidade e seguridade, o Concello ten previsto acometer a reposición de servizos e pavimentos na avenida da Habana, entre o número 99 e o cruce coa rúa Cabanas, cun investimento de 166.538,11 euros, e a mellora do mobiliario e pavimentos urbanos na Avenida das Campeiras (fase 1), cunha contía próxima aos 116.330,71 euros. A estas actuacións súmase a pavimentación de viarios na parroquia de San Xoán do Freixo, en pistas como a de Ambosores e a do Bidueiro, cun investimento de 113.730,10 euros, así como a mellora de firme e seguridade viaria en O Paraño, orzada en 109.346,76 euros.
Dentro deste bloque de proxectos tamén se inclúe a mellora de servizos e pavimentos no Patio de Santa Bárbara, cun investimento de 102.382,73 euros, e a renovación da rúa Real (segunda fase), cun orzamento de 89.518,80 euros. No ámbito rural, tamén destaca a pavimentación do viario ao Niño do Azor, en San Xoán do Freixo, cunha contía de 84.542,30 euros, e o reforzo do pavimento en camiños de Portosouto – Cabeza dos Fornos e Álvaron, con 78.558,17 euros.
Outras actuacións previstas inclúen a reparación e mellora do firme en Paipaz (San Pedro de Eume) e As Gañidoiras (Ribadeume), cun orzamento de 66.579,06 euros; a mellora do pavimento no camiño de Cabeza dos Fornos – Casas Ermas (Aparral), con 60.164,08 euros; e a reparación da capa de rodaxe varios viarios das parroquias de Deveso, San Pedro de Eume e Espiñaredo, cun investimento de 36.130,49 euros.
Ademais, no último pleno celebrado en setembro de 2025, foron aprobadas novas actuacións que completan o ambicioso plan de investimentos do municipio, cun valor total de 981.789,91 euros.
Destaca o peche e urbanización da pista multideportiva de Bermui, cun orzamento de 102.850 euros. Tamén se inclúen a execución de servizos municipais na DP1802 en Ribadeume (48.065,82 €), obras de mellora no local social de San Pedro de Eume (48.400 €), o abastecemento en Sangoñedo (48.400 €), e actuacións similares en Sucadío (24.200 €).
Mellorarase o viario 0248 (Rúa Doce, 48.279 €), executarase unha senda peonil en A Cuiña (47.795 €), o bombeo e saneamento da escola de Bermui (36.300 €), e reparase o teito da oficina de recadación (22.990 €). No eido deportivo, aprobouse a subministracións para a zona de protección do campo de fútbol (18.150 €) e o arranxo do parque A Casilla con igual orzamento. Outras obras relevantes son a demolición do edificio de eléctricos na rúa Pontedeume (44.770 €), o peche das instalacións de almacenaxe na zona anexa ao edificio de acceso aos karts (48.337,08 €), a execución de bandas rugosas para mellora da seguridade viaria (24.200 €), e diversas actuacións de mellora do pavimento e aglomerado en varias vías e zonas rurais, como Os Cameleiros, Os Reboredos, Formigueiro, Sangoñedo, O Coto, Sucadío, A Cuiña, Narón, Escola Marraxón e Sexo, todas con importes próximos aos 48.400 euros.

Segundo o equipo de goberno, “estas 55 actuacións son o resultado dunha planificación técnica e económica que busca dar resposta ás necesidades reais da veciñanza, promovendo un modelo de municipio máis accesible, máis sostible e mellor conectado”.
Nese sentido apuntan que “ademais, este plan de investimentos converteuse nun referente de orgullo para a veciñanza, que recoñece nel unha mostra clara do traballo e a dedicación do Concello para avanzar na construción dun As Pontes mellor”
Por outra banda, estas actuacións reforzan o compromiso do goberno municipal coa dinamización económica, contribuíndo á consolidación do tecido produtivo local. “Este ambicioso plan de obras constitúe unha aposta firme pola modernización e o desenvolvemento sustentable do municipio. Non só mellora de forma significativa a calidade de vida da cidadanía, senón que tamén é un motor fundamental de xeración e mantemento de emprego local, dado que aproximadamente 400 familias dependen directamente do sector da construción na nosa vila”, engade o grupo de goberno.
O financiamento procede de distintas canles, entre elas os Plans Provinciais POS+ da Deputación da Coruña, os fondos europeos Next Generation do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, así como achegas da Xunta de Galicia, AGADER e fondos municipais propios.
Este plan integral de investimentos permite avanzar na humanización dos espazos públicos, a vertebración do territorio e a mellora da calidade de vida de todas as persoas que viven en As Pontes.