A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, entregou a Medalla de Honor da Policía Local de Narón ao Capitán da Garda Civil Francisco Javier López Dopico. En virtude a unha proposta de concesión desta distinción por parte do xefe da Policía Local de Narón, Eduardo Pita, e unha posterior resolución da alcaldesa, Marián Ferreiro, concedeuse en recoñecemento aos méritos de López Dopico no citado Corpo.
Ao acto acudiron tamén o secretario xeral do Concello, Alfonso de Prado; o concelleiro de Seguridade Cidadá, José Oreona; o intendente da Policía José Antonio Carballido; e os voceiros de TEGA, Román Romero; PP, Germán Castrillón e PSOE, Silvia de Arriba –o BNG desculpou a súa ausencia no acto por razóns de última hora- e un representante do destacamento de Tráfico.
Ferreiro presidiu o acto presentando aos asistentes, asegurando que é un honor conceder esta medalla a unha persoa como Francisco Javier López Dopico. “Unha medalla a través da que recoñecemos públicamente a túa dilatada traxectoria profesional no Corpo da Garda Civil, que tan estreita e desinteresadamente colabora coa Policía Local de Narón. Unha traxectoria coas que representas eses valores propios do Corpos e inherentes á túa persoa; honor, lealdade, servizo público e sacrificio”, indicou a alcaldesa.
Ferreiro recordou que se trata do primeiro tenente do destacamento de Tráfico de Ferrol e, dende o pasado mes de setembro, primeiro Capitán de Ferrol no cargo, desexándolle moitos éxitos no mesmo.
A continuación, o xefe da Policía Local de Narón leu a proposta de concesión de medallas da Policía Local de Narón para este ano e, despois, o secretario xeral do Concello procedeu a ler a resolución da Alcaldía sobre a concesión da mesma. A medalla concedeuse “pola súa meritoria e permanente contibución ao prestixio do Corpo desta Policía, desenvolvido a través de moi diversas actuacións acreditativas, dunha elevada dedicación, superior á propiamente esixible ao seu posto de traballo, coas honras e prerrogativas inherentes a esta distinción”.
A súa desinteresada e intensa colaboración coa Policía Local de Narón a través do Corpo da Garda Civil de Tráfico, a súa dedicación ao cargo forman, como se sinalou na resolución, parte dos méritos obtidos por López Dopico para a concesión desta distinción, que se outorga atendendo ao regulamento de distincións, honores e condecoracións da Policía Local do Concello de Narón, aprobado no ano 2016.
“É un honor para min recibir esta medalla”, asegurou López Dopico, agradecendo este recoñecemento oficial por parte do Concello naronés ao remate do acto.