Goente, As Pontes, acolle a festa do queixo e do mel

A parroquia de Goente, no concello das Pontes, celebrará este domingo 12 de outubro unha nova edición da Feira do Mel e do Queixo, unha cita que chega á súa décimo quinta edición e que se consolida como un evento de referencia na promoción dos produtos locais e da artesanía galega.

Ao longo de toda a xornada, a feira reunirá postos de venda de mel e queixo, así como unha ampla representación de artesanía alimentaria e de Artesanía de Galicia, ofrecendo ao público obradoiros e degustacións que permitirán coñecer de preto os procesos de elaboración e a calidade dos produtos.

Organizada Concello das Pontes, coa colaboración de Casa do Mel e Queserías del Eume, a feira dará comezo ás 10:00 horas coa apertura ao público do recinto. Durante a mañá, entre as 11:00 e as 13:00 horas, desenvolveranse obradoiros infantís orientados a achegar os máis pequenos e pequenas ao coñecemento do sector primario. A partir das 12:30 horas terá lugar unha degustación gratuíta de tapas elaboradas con produtos locais, aberta a todas as persoas asistentes.

Xa pola tarde, entre as 16:00 e as 18:00 horas, continuarán os obradoiros infantís, e ás 18:00 horas a compañía O Cubo porá o broche final cunha actuación teatral pensada para todos os públicos.

Segundo explica Elena López, concelleira de Turismo e Promoción Económica, “esta feira naceu co obxectivo de poñer en valor dous dos produtos máis valorados do noso territorio, o queixo do Eume e o mel. Grazas á colaboración de Queserías del Eume e a Casa do Mel de Goente, hoxe é xa un espazo consolidado como punto de encontro tanto para as persoas produtoras como para as consumidoras, que non queren perder esta cita para mercar produtos de tempada”.

López subliña ademais que “eventos coma este tamén favorecen a visibilización do traballo que realizan moitas persoas e pequenas empresas da nosa contorna, que apostan pola calidade, a tradición e a sustentabilidade”.

Ao longo do día, as persoas asistentes poderán coñecer de primeira man o labor dos produtores e produtoras locais, degustar os seus produtos e participar en actividades orientadas a todos os públicos, nun ambiente lúdico, familiar e festivo que cada ano reúne a centos de visitantes.

Desde o Concello das Pontes faise un chamamento á veciñanza e a todas as persoas interesadas a achegarse a Goente este 12 de outubro e desfrutar dunha xornada dedicada á tradición, ao sabor e á cultura galega, nun encontro que pon en valor o territorio e os seus produtos.

Lea también

El BOP publica las bases de los premios de investigación González LLanos , Ingeniero Comerma, Concepción Arenal, Antonio Usero y Ángeles Alvariño 2025-2026

Cada uno de los premios cuenta con una dotación de 10.000 euros. El http://BOP de este …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *