Ruta de tapas “O estaleiro nas tabernas”, ao abeiro do proxecto Fene 1941

Cinco locais ofrecerán elaboracións inspiradas nos sabores de mar este venres 10 e sábado 11 de outubro.

foto arquivo

O proxecto “Fene 1941. A historia viva desde o estaleiro” arrinca esta fin de semana coa primeira cita gastronómica da ruta “O estaleiro nas tabernas”, unha proposta que combina tradición mariñeira, gastronomía e música popular, e que forma parte do programa promovido polo Concello de Fene.

Nesta primeira quenda, que se desenvolverá os días venres 10 e sábado 11 de outubro, entre as 20.00 e as 22.00 horas, participarán os locais O Enxebre, Arrecendo, A Ponte, Lembranza e CMIU Fene (estes dous últimos só o venres). Cada establecemento ofrecerá unha tapa elaborada con produtos do mar ao prezo de 2,50 euros, inspirándose nas receitas e sabores tradicionais da nosa ría.

As propostas desta primeira fin de semana serán: O Enxebre: “Guiso de chocos” (día 10) e “Mexillóns ao vapor” (día 11); Arrecendo: “Torrada sonrosada”, co mexillón como gran protagonista; A Ponte: “O tesouro de Neptuno”, con pastel de marisco, mexillóns, zamburiñas e gambas; Lembranza: “Mare crocante”, con gambas e chipiróns; CMIU Fene: “O círculo do mar”, pemento do piquillo recheo de gamba e mexillón da ría.

A ruta continuará a fin de semana do 17 e 18 de outubro, sumándose a esta ruta os establecementos Vagalume e Son da Cociña, e coa presenza da música tradicional galega a cargo dos grupos de cantos de taberna Agrupación Liga de Amigos de Barallobre e Son de Cantos, que amenizarán a actividade.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “esta ruta de tapas é unha maneira fermosa de unir gastronomía, historia e cultura popular. Recupera o espírito das antigas tabernas do estaleiro, promove o consumo de produto local e ofrece á veciñanza e visitantes unha experiencia diferente e auténtica”.

O proxecto Fene 1941 desenvólvese nos anos 2024 e 2025 e está financiado con fondos do Programa do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) a través do GALP Golfo Ártabro Norte, nun 70% pola Unión Europea e nun 30% pola Consellería do Mar (Xunta de Galiza).

Lea también

Goente, As Pontes, acolle a festa do queixo e do mel

A parroquia de Goente, no concello das Pontes, celebrará este domingo 12 de outubro unha …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *