As Pontes movilízase coa xunta local da AECC na súa primeira gala solidaria

O Concello das Pontes reafirma o seu compromiso coa solidariedade e o apoio á loita contra o cancro, organizando a primeira Gala Solidaria As Pontes, que terá lugar o vindeiro 18 de outubro no auditorio municipal Alovi, a partir das 20:30 horas.

Esta iniciativa, impulsada pola Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) coa colaboración do departamento municipal de Cultura, busca recadar fondos para os proxectos de investigación que a AECC está a desenvolver. Ademais, a gala será unha oportunidade para visibilizar e recoñecer o talento artístico local, xa que artistas e músicos da vila compartirán escenario nun evento que combina música e arte interpretativa.

Durante a presentación da gala, celebrada onte na Casa do Concello, a concelleira de Cultura, Lorena Tenreiro, destacou o esforzo e a dedicación da AECC das Pontes non só para poñer en marcha esta iniciativa, senón tamén polo amplo programa de actividades que desenvolven ao longo do ano —desde eventos deportivos ata accións formativas— co obxectivo de promover hábitos de vida saudables, previr a enfermidade e apoiar á investigación.

“A Gala Solidaria será unha xornada de diversión e cultura, ademais de servir como mostra do compromiso da nosa comunidade con esta causa tan importante”, animou a edil, convidando a veciños a participar.

Pola súa parte, Loli Prieto, presidenta da Xunta Local da AECC, subliñou que, ademais da recadación para a investigación, un dos grandes obxectivos do evento é apoiar ás persoas enfermas e ás súas familias, “demostrando que non están sós, que a veciñanza está con eles”.

Prieto recordou que só na provincia da Coruña se recadaron 2,25 millóns de euros en doazóns para a investigación este ano, grazas a iniciativas similares. A presidenta tamén agradeceu o apoio da administración local, do Conservatorio de Música e da compañía de teatro O Catre, que colaboraron activamente no proxecto. Destacou, ademais, o papel fundamental do cómico Pepe Capelán, mestre de cerimonias e un dos ideólogos da iniciativa.

A gala contará coa música do grupo Rockservatorio, formado por alumnado e profesorado do Conservatorio das Pontes, e cun espectáculo de humor a cargo de O Catre, que amenizarán unha noite chea de sorpresas e emoción.

As localidades para a Gala Solidaria poderán adquirirse a partir desta mesmo venres no auditorio municipal Alovi, a un prezo de 5 euros por persoa.

Lea también

Ruta de tapas “O estaleiro nas tabernas”, ao abeiro do proxecto Fene 1941

Cinco locais ofrecerán elaboracións inspiradas nos sabores de mar este venres 10 e sábado 11 …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *