A Xunta e as universidades galegas elaboran un protocolo de acompañamento psicolóxico aos estudantes para o coidado da súa saúde mental

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou este mércoles que a Xunta e as tres universidades galegas elaborarán un protocolo de acompañamento psicolóxico aos estudantes procurando o mellor coidado
da súa saúde mental, unha mellor atención e garantías de continuidade asistencial.

Así o anunciou durante a inauguración na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago Compostela, da xornada “Saúde Mental e Mocidade: Coidar o presente para construír o futuro”, organizada en colaboración coa Federación de familiares e persoas con enfermidade mental de Galicia (Feafes) e na que tamén participou a
subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde, Almudena Díaz.

Garantir unha saúde mental sólida

Na súa intervención, o titular de Sanidade apuntou que o obxectivo deste novo protocolo é garantir unha saúde mental sólida entre a poboación universitaria, achegando unha mellor atención e continuidade asistencial.
Lembrou que a etapa universitaria adoita representar unha época de importantes cambios vitais (nova residencia, distanciamento familiar, maior exixencia académica, etc..), un conxunto de circunstancias que poden afectar á saúde mental dos mozos e mozas.

Por este motivo, a Xunta achegará apoio técnico e económico ás tres universidades para impulsar un protocolo que incida no coidado emocional da mocidade. Ademais, ao abeiro desta colaboración as universidades poderán realizar actividades formativas para o seu profesorado e o persoal de atención ao alumnado, ademais de realizar actividades de divulgación.

Gómez Caamaño remarcou que a saúde mental é un asunto de especial sensibilidade que precisa dunha abordaxe multidisciplinar. Neste sentido, destacou a importancia que ten que as diferentes administracións públicas e o tecido asociativo traballen de xeito conxunto na elaboración de novos recursos para a poboación.

Lea también

El bombero de Ferrol al que le amputaron la pierna tras el incendio del barrio de Recimil pasa a planta del CHUAC

El Complejo Hospitalario Universitario de A Coruña (CHUAC) ha emitido este viernes el último parte …