Psoe Ferrol critica que o goberno local destine fondos europeos a amortizar débeda en lugar de atender ás necesidades dos barrios

Ángel Mato: “Estes fondos europeos tiñan que servir para impulsar novas actuacións transformadoras, non para cubrir gastos xa comprometidos ou obras que xa contaban con financiamento doutras administracións”.

O Grupo Municipal Socialista lamenta a través dun comunicado que o Goberno local «decida empregar os fondos europeos recentemente concedidos para o proxecto Abrir Ferrol ao Mar e Cidade do Deporte en amortizar débeda municipal, en lugar de destinalos a mellorar as condicións de vida nos barrios que máis o precisan».

O voceiro socialista, Ángel Mato, denunciou que estes fondos “tiñan que servir para impulsar novas actuacións transformadoras, non para cubrir gastos xa comprometidos ou obras que xa contaban con financiamento doutras administracións”.

O proxecto Abrir Ferrol ao Mar —lembrou o edil— «xa estaba financiado tanto pola Xunta de Galicia, a través do convenio asinado en 2023, como polo propio Concello de Ferrol, que incorporou achegas nos orzamentos municipais dos anos 2023, 2024 e 2025. “Non ten sentido empregar fondos europeos adicionais para o mesmo fin; é duplicar recursos e desaproveitar unha oportunidade única para outros barrios que levan anos esquecidos”, insistiu Mato.

O PSOE critica ademais que o alcalde “non sabe sumar ou non quere sumar” cando fala de investimentos públicos en Ferrol. “O Goberno de España está a facer un esforzo histórico na cidade: máis de 11,5 millóns de euros investidos na humanización da Avenida de As Pías, a cesión do novo bulevar ao Concello, preto de 10 millóns de euros en vivenda e rehabilitación, e un apoio sen precedentes á industria naval a través de Navantia. Mentres tanto, o alcalde finge que eses fondos non existen e pretende atribuírse os logros doutros”, afirmou Mato.

«Desde o Grupo Socialista considérase que o Executivo de José Manuel Rey Varela actúa sen visión de cidade, priorizando anuncios e cifras sobre resultados reais. “Ferrol necesita que os fondos europeos cheguen a onde máis se notan: aos barrios con carencias urbanas, sociais e económicas, como o Ensanche A, Caranza ou Recimil, non a proxectos que xa teñen garantido o seu financiamento”, engadiu o voceiro.

O PSOE lembra que presentou o pasado mes de xaneiro unha Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL) para o barrio do Ensanche A, un plan con proxectos concretos de rehabilitación, mobilidade sostible e cohesión social, “que podería optar perfectamente a estes fondos se o Goberno municipal tivese vontade política e planificación estratéxica”.

“O Partido Popular está a perder unha nova ocasión para facer política útil e comprometida coa veciñanza. En lugar de aproveitar os fondos europeos para crear oportunidades, decide tapar buratos e amortizar débeda, demostrando que non ten un proxecto de cidade nin unha folla de ruta para o futuro de Ferrol”, concluíu Mato.

Lea también

El próximo día 20 se adjudicarán las obras de reurbanización de la primera fase de la calle Rubalcava

La adjudicación de las obras de la primera fase de la reurbanización de la calle …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *