Co obxectivo de reducir o impacto ambiental e os custos asociados ao tratamento dos residuos, o Concello das Pontes lanza unha nova campaña de compostaxe doméstica para avanzar cara unha xestión máis sostible dos residuos orgánicos dirixida ás persoas que dispoñan dun pequeno terreo.
Esta iniciativa responde á necesidade de actuar sobre un dato clave: a metade do lixo que se xera nos fogares está composto por materia orgánica. A súa correcta xestión é fundamental para avanzar cara a un modelo máis sostible e respectuoso co medio ambiente.
A campaña inclúe a entrega gratuíta de composteiros individuais, así como formación práctica para as persoas participantes. Ademais, durante todo o ano 2025, contarase cun servizo de asesoramento e seguimento personalizado para garantir o bo uso dos composteiros e resolver dúbidas ao longo do proceso.
Para participar, a cidadanía pode inscribirse a través da web habilitada para a campaña: aspontes.ocaminosostible.gal, onde tamén se pode consultar información adicional sobre os servizos municipais de xestión de residuos. A inscrición pode realizarse tamén de forma presencial no propio Concello ou chamando ao número de teléfono 647 521 464.
As datas clave da campaña –como as xornadas de formación e entrega de materiais– serán comunicadas a través das redes sociais municipais. Ademais, as persoas inscritas recibirán unha chamada telefónica para confirmar a súa participación.
Esta actuación está financiada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, a través dos fondos europeos NextGenerationEU.