Fene reforza a información sobre o Punto Limpo de Vilar do Colo para promover a xestión responsábel dos residuos

As instalacións permiten depositar de xeito gratuíto residuos voluminosos e perigosos que non deben ir aos colectores da rúa.

Condutas incivicas- Fene

O Concello de Fene vén de poñer en marcha esta semana unha nova campaña informativa sobre o Punto Limpo de Vilar do Colo, que inclúe o envío de 6.000 panfletos informativos aos domicilios do municipio, co obxectivo de lembrar á veciñanza a importancia de facer un uso correcto desta instalación municipal para a xestión de residuos domésticos especiais.

O Punto Limpo é un espazo habilitado para a recollida e almacenamento temporal, de maneira gratuíta, de aqueles residuos que, polo seu gran volume ou polo seu carácter perigoso, non deben depositarse nin na bolsa do lixo nin nos colectores da vía pública. Trátase dun servizo fundamental para facilitar a reciclaxe, evitar vertidos incontrolados e contribuír á protección do medio ambiente.

A instalación, situada no Polígono de Vilar do Colo, na rúa Leme s/n, dispón de diferentes colectores e zonas específicas para a separación de residuos, permitindo unha correcta clasificación e tratamento posterior. O horario de apertura é de luns a venres, de 16:00 a 20:00 horas, e os sábados de 9:00 a 14:00 horas.

Entre os residuos admisibles atópanse, entre outros, aceite vexetal de cociña, aceites minerais, aerosois, baterías, disolventes e pinturas, electrodomésticos (frigoríficos, conxeladores, televisores, ordenadores…), entullos de obra doméstica, ferralla, fluorescentes e lámpadas, madeira, mobles, pneumáticos, pilas, PVC e plásticos, plásticos agrícolas, radiografías, téxtil, tóner, voluminosos como colchóns ou sofás, así como restos de xardinaría. As cantidades están reguladas por persoa usuaria e ano, garantindo un uso equilibrado do servizo.

Desde o Concello lembran tamén que, ademais do Punto Limpo, existe un servizo de recollida de voluminosos a pé de colector. Este servizo realízase os martes pola noite nas zonas de Perlío, San Valentín, Fene, Sillobre, Magalofes e Vilar do Colo, e os mércores pola noite en Barallobre, Maniños e Limodre.

Condutas incivicas co lixo- Fene

A concelleira de Medio Ambiente, Cristina García, fixo un chamamento á responsabilidade cidadá e á colaboración da veciñanza: “manter Fene limpo é cousa de todas e de todos. Temos recursos, temos servizos e temos alternativas para xestionar correctamente os residuos, polo que non se xustifican as condutas incívicas”. García sinalou que nas últimas semanas véñense detectando comportamentos inadecuados e lembrou que “un concello limpo é un concello máis agradable, máis saudable e máis respectuoso co medio ambiente”.

Desde o goberno local insístese en que o bo funcionamento destes servizos depende en gran medida da implicación da veciñanza, e animan a facer un uso responsable tanto do Punto Limpo como da recollida de voluminosos, contribuíndo así a mellorar a imaxe, a calidade de vida e o coidado do entorno en Fene.

Lea también

Valdoviño destina o POS+Adicional Social a programas de atención ás persoas máis vulnerabl

Os fondos provinciais tamén permitirán ampliar o catálogo de axudas técnicas coa adquisición dunha grúa …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *