A nova instalación situada no Polígono do Río do Pozo ocupa unha superficie de máis de 6.000 metros cadrados, cun edificio auxiliar de servizos, zona de disparo e espazos adaptados para o adestramento.
A alcaldesa da Narón, Marián Ferreiro, presidiu o acto oficial para descubrir o rótulo do campo de tiro con arco municipal de Río do Pozo, no que dende este sábado loce xa o seu nome, Iria Grandal.
A nova instalación está situada no Polígono do Río do Pozo e ocupa unha superficie de máis de 6.000 metros cadrados, cun edificio auxiliar de servizos, zona de disparo e espazos adaptados para o adestramento. A obra permitiu dotar ao municipio dunha infraestrutura moderna, accesible e segura para a práctica deste deporte, cumprindo os criterios técnicos e normativos máis esixentes.
A olímpica participou nesta convocatoria, agradecendo este recoñecemento do Concello naronés. Ao acto acudiron tamén o edil de Deportes de Narón, Ibán Santalla, e exedís desta área como Guillermo Sánchez Fojo, Natalia Hermida e José Oreona, entre outros representantes da corporación local. A deputada provincial Rosa Ana García, participou tamén nesta convocatoria, xunto con directivos do Club Arco Narón, como a súa presidenta, Magdalena Abella, o seu vicepresidente, Anxo Grandal, e outros integrantes da citada entidade deportiva.
A rexedora local, recordou que hai catro meses que se celebrou nestas instalacións o primeiro campionato de tiro con arco a nivel autonómico, no que participaron máis de 200 arqueiros procedentes de diversos clubs. “Catro meses despois cadramos axendas para que estas instalacións leven oficialmente o nome de Iria Grandal, tal e como se acordou no pleno, en recoñecemento á exemplar traxectoria desta arqueira olímpica naronesa que hoxe nos acompaña”.
“As naronesas e naroneses estamos moi orgullosos da túa traxectoria deportiva que comezou sendo moi nova, aos oito anos, e que dende entón estivo pragada de éxitos”, asegurou a alcaldesa da cidade, agradecéndolle a Iria Grandal “a túa dedicación e entrega ao deporte e, como non, por levar o nome de Narón ao máis alto en cada competición na que participa”. A alcaldesa asegurou que “é o camiño o que fai a unha deportista e facelo con esa paixón e ese corazón é admirable”, ao tempo que indicou que as instalacións “levan non só o teu nome senón tamén o teu espírito e o teu esforzo”.
Ferreiro agradeceu o labor do Club Arco Grandal polo labor que desenvolve na cidade con persoas de diferentes idades e tamén pola súa aposta polo deporte inclusivo. Así mesmo, valorou a colaboración da administración provincial para cofinanciar uns traballos que supuxeron un investimento duns 400.000 euros e tamén tivo palabras de agradecemento a alcaldesa para o edil e os exedís de deportes da cidade. Finalmente Ferreiro reaformou o compromiso do goberno local “co tiro con arco en particular, co deporte en xeral” e desexou ás arqueiras e arqueiros, entre eles á homenaxeada, “que desfrutedes destas instalacións do campo de tiro con arco Iria Grandal”.
Anxo Grandal, pai da homenaxeada, asegurou que “estamos aquí por tres cousas, polo tiro con arco, por Iria Grandal e polo Concello de Narón, que forman unha soa pata e que grazas a todas acadamos todo isto, tras 21 anos de traballo”. Recordou os inicios de Iria no club, como compaxinaba o arco coas bonecas ata que “aos trece anos tomouno en serio e aos 14 foi campiona do mundo sub 18, a primeira alegría que nos deu neste deporte”. O vicepresidente do club tivo palabras de agradecemento para o Concello “polo seu apoio dende o primeiro día”, os concelleiros de deportes, “dende Polo” – para o que tamén tivo palabras de agradecemento a alcaldesa-, todas as persoas que traballan polo club e os alcaldes e a alcaldesa de Narón. “Grazas a Iria polo esforzo, que dende os 18 anos se me foi da casa e grazas ao apoio do Concello de Narón en todos estes anos e que confiamos en que seguirá”, rematou.
A continuación, Iria Grandal agradeceu este recoñecemento. “Emocióname ter aquí o meu nome, faime moitísima ilusión e poder traer aquí dentro de algúns anos á miña familia”, apuntou.
Pola súa banda Rosa Ana García recoñeceu que “para min e para vós é un orgullo poder compartir este acto con vós” e recordou que Iria Grandal “é un referente no tiro con arco e no deporte galego”. Puxo en valor a deputada a colaboración das administracións para poñer a disposición da veciñanza este tipo de obras, “este tipo de actuacións son posibles grazas ao Plan Único da Deputación, o principal instrumento de cooperación cos concellos da provincia, que permite dotar aos municipios de infraestruturas e servizos públicos de calidade”.
Antes de rematar o acto a alcaldesa entregoulle a Iria Grandal dous agasallos institucionais, unha copia da acta plenaria na que se recolle o acordo para dar o seu nome ao novo campo de tiro con arco e unha lámina personalizada. Así mesmo, un grupo de arqueiras e arqueiros do club realizaron unha exhibición no campo das instalacións para pechar este acto.