Alumnado do CPI de San Sadurniño móllase polos ríos e retira do Xuvia máis de 40 quilos de refugallos

37 rapaces de 1º da ESO do CPI San Sadurniño participaron esta semana na XVIII edición da campaña “Móllate polos Ríos”, promovida por ADEGA e apoiada por numerosas entidades e concellos de toda Galicia, entre eles o de San Sadurniño, co obxectivo de concienciar sobre a importancia do coidado dos cauces fluviais.

Fuente Concello de San Sadurniño/Foto Roberto Lindín Novo

A actividade, prevista inicialmente para o domingo da semana pasada, retrasouse até o luns co obxectivo de facilitar a implicación do centro educativo. Na compaña do profesorado e persoal municipal, as mozas e mozos etiraron máis de 40 quilos de refugallos do tramo do Xubia comprendido entre o Mesón A Granxa e a ponte da AC-862.

A campaña “Móllate polos Ríos” fixo este ano as dezaoito edicións fomentando a implicación veciñal na conservación e recuperación dos cursos fluviais. O seu obxectivo principal é visibilizar a problemática da contaminación e fomentar actitudes responsables co medio natural. Para iso, ADEGA conta coa colaboración de colectivos sociais, centros escolares e administracións locais, que organizan o penúltimo domingo de setembro unha xornada de limpeza simultánea de ríos e regatos de toda Galicia.

En San Sadurniño, o Concello e ADEGA decidiron convidar ao alumnado de Bioloxía de 1º da ESO do CPI para que formase parte da experiencia, co fin de sensibilizar desde idades temperás sobre a importancia de coidar os ríos. Durante a mañá, o grupo percorreu as marxes do Xuvia recollendo plásticos, vidros e outros refugallos depositados ao longo do tempo. A actividade completouse cunha breve explicación sobre os impactos destes residuos na fauna e flora acuática.

Fuente Concello de San Sadurniño/Foto Roberto Lindín Novo
Fuente Concello de San Sadurniño/Foto Roberto Lindín Novo

O balance final do día foron máis de 40 quilos de refugallos retirados «e a satisfacción de contribuír á mellora dun espazo natural de grande valor ambiental», sinala a concelleira de Axenda 2030, Raquel Piñeiro López.

O Goberno local e ADEGA agradecen a implicación do alumnado e a colaboración do centro educativo, subliñando que iniciativas como esta serven «para crear conciencia ecolóxica entre a mocidade nun momento en que se multiplican, sobre todo a través das redes sociais, as mensaxes negacionistas sobre o cambio climático e sobre os efectos prexudiciais da acción humana sobre o planeta», aclara Piñeiro López. «Accións simbólicas coma esta fortalecen o compromiso coa sostenibilidade», conclúe a concelleira.

Lea también

Valdoviño participa con la comisión de la FEMP en la reunión sobre autocaravanismo organizada por la DGT

En condición de vocal de la Comisión de Transporte, Movilidad e Infraestructuras de la Federación …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *