San Sadurniño celebra o Día Internacional da Muller Rural con varias actividades e o regreso do programa Tempos para compartir

O 15 de outubro, Día Internacional das Mulleres Rurais, reivindica o empoderamento e a igualdade de dereitos para as mulleres que viven no rural, onde os desequilibrios sociais e económicos por razón de xénero son aínda máis acentuados que nas cidades. Con motivo desta data, a área de Igualdade de San Sadurniño organizou varias actividades co obxectivo de destacar que as mulleres somos fundamentais para manter o xeito de vida do noso rural todos os días do ano.

A primeira das citas deste programa é a exposición “Primixenias”, da cesteira Luisa da Silva e a oleira Carme Romero, que pode visitarse de luns a venres en horario de mañá e os venres tamén pola tarde. Ademais, o pasado día 18 tamén se programou na Casa da Cultura a xornada “Transmitindo sabores e saberes” onde varias das produtoras do centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla falaron sobre a súa experiencia.

Porén, aínda hai máis cousas previstas, entre as que destaca a volta do programa Tempos para compartir cun obradoiro ben saoboroso.

E é que o sábado 11 de outubro a partir das 17:30 horas, a hostaleira xubilada Julia Gudín González, que rexentou na Cruz da Raíña o Bar Marcial, ensinaranos a facer a chanfaina ao xeito tradicional de Bardaos.

Unha receita que se mantivo inalterable pasando principalmente de nais a fillas de xeración en xeración. Neste obradoiro queremos darlle valor aos saberes dos que fomos depositarias as mulleres de San Sadurniño, auténticas gardadoras e trasmisoras do noso patrimonio cultural.

O obradoiro ofrece 12 prazas gratuítas que se poden reservar chamando ao 695 876 178 ou enviando un correo a oriana.lopez@sansadurnino.gal. 

O Concello pretende recuperar a periodicidade mensual do Tempos para compartir e, nese sentido, calquera persoa interesada en mostrar o que saiba facer -cociña, manualidades, traballos actuais ou pasados…- pode contactar coa técnica de Igualdade para ir programando os seguintes obradoiros.

Uns días despois, o venres 17 de outubro, Igualdade ofrecerá ás 19:00 horas na Casa da Cultura o espectáculo «Mulleres de conto».  A narradora Cris de Caldas trae relatos de mulleres que non sempre levaron unha vida de conto, pero que por iso mesmo merecen ser lembradas.

Farese unha viaxe a través de historias recompiladas que mesturan a tradición oral coa realidade, ás veces dura, pero narrada cun humor (sempre necesario) nun acto de lembranza, un berro de xustiza e unha celebración da resiliencia das mulleres do rural. O espectáculo é con entrada libre e chega a San Sadurniño grazas á Rede Cultural da Deputación da Coruña.

O mes dedicado ás mulleres do rural pecharase o sábado 25 de outubro ás 19:00 horas tamén na Casa da Cultura coa actuación das Pandereteiras de Xacarandaina.

O grupo pertencente á asociación do mesmo nome creada na Coruña en 1978 e que hoxe é todo un referente no país polo seu traballo de recuperación, preservación e difusión do noso patrimonio inmaterial. Un labor que foi posible grazas a séculos de transmisión oral, principalmente de nais a fillas.

A súa actuación en San Sadurniño -tamén grazas á Rede Cultural da Deputación- coincide, ademais, co ano en que as Letras Galegas se lle dedicaron ás cantareiras e á poesía popular oral. A entrada é gratuíta, pero cómpre reservar entradas no 616 332 919 ou en agustin.perez@sansadurnino.gal.

Lea también

Valdoviño participa con la comisión de la FEMP en la reunión sobre autocaravanismo organizada por la DGT

En condición de vocal de la Comisión de Transporte, Movilidad e Infraestructuras de la Federación …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *