O persoal da biblioteca municipal de Narón realizou durante o verán unha tarefa de expurgo nas citadas instalacións, revisando arredor dun milleiro de exemplares que estaban no depósito para dar de baixa os que se encontraban duplicados ou triplicados.
A concelleira responsable da área, Olga Ameneiro, informou que a partir de este mércores 1 de outubro, todas as persoas interesadas poden pasar pola planta baixa da sección de adultos para levar os seus libros favoritos, sen necesidade de devolvelos. Entre a escolma pódense atopar contos infantís, novelas e poesía para público adulto, materiais temáticos como catálogos de exposicións de arte…
Todos estes materiais estarán expostos ata finais de outubro ou ata esgotar existencias, segundo apuntou a edil naronesa. A iniciativa organizouse coincidindo coa conmemoración, en outubro, do Día Internacional das Bibliotecas, e no que se levarán a cabo numerosas actividades.