O PSOE denuncia que o rescate de Emafesa aprobado polo PP é un parche que pagan os ferroláns

Ángel Mato , fot. arquivo

 O Grupo Municipal Socialista denuncia que o Goberno local do Partido Popular pretende vender como un éxito o rescate de Emafesa cando, en realidade, é a consecuencia directa da súa propia irresponsabilidade e oportunismo
político, sinala  nun comunicado emitido este venres.

O PSOE lembra «que entre 2015 e 2023 o PP votou sistematicamente en contra da aprobación das contas anuais de Emafesa, provocando a falta de crédito e liquidez da empresa e impedindo que puidese acceder a financiamento.

Esa estratexia deliberada de bloqueo deixou á sociedade sen marxe de manobra, ao tempo que se agravaban as
perdas ano tras ano. “Despois de oito anos votando en contra das contas, chegan agora ao Pleno e apróbanas sen mover unha coma. É un exemplo claro da súa incoherencia e desvergonza: primeiro paralizaron Emafesa e agora queren aparecer como os seus salvadores”, afirmou Ángel Mato no debate plenario este xoves

A débeda de Narón

«Un dos principais problemas de Emafesa segue sendo que Narón leva anos sen pagar polo servizo de depuración, acumulando case 1 millón de euros só en 2024. O propio Concello recoñece que Narón debe arredor de 5 millóns de euros e vostedes, en dous anos de goberno, non fixeron absolutamente nada. Son os ferroláns e ferrolás quen están financiando a quen non cumpre, mentres o PP cala e mira para outro lado”, denunciou Mato.

O voceiro socialista tamén advertiu sobre os convenios en vigor: “Supóñolles que saben que os concellos da contorna están a recibir todos os meses auga en alta con convenios obsoletos, pagando por debaixo dos custos de produción. Esa é unha das causas polas que Emafesa arrastra débedas históricas”

«O Partido Popular xa subira un 40% o recibo da auga prometendo que con iso resolvería a situación da empresa. Despois desa suba brutal, menos dun ano despois deciden rescatar a empresa co diñeiro municipal. Iso non é traballar polos veciños e veciñas de Ferrol, iso é improvisar e tapar buratos”, reprochou Mato.

O Grupo Socialista deixou clara a súa posición: Emafesa debe ser 100% municipal e 100% pública. “Non vaian ter a tentación de sanear agora as contas de Emafesa para, dentro de poucos anos, entregar a xestión á Xunta ou a unha concesionaria privada. Iso sería traizoar á cidadanía e hipotecar o futuro da cidade”, advertiu Mato.

Lea también

Este miércoles empezarán los trabajos de emergencia en el edificio en ruinas en la calle Río Novo

Este sábado tuvo lugar un nuevo derrumbe interior en un edificio abandonado en Ferrol Vello, …