Deputación e Concello de Pontedeume invisten 306.713€ na reforma do centro social de Vizús, en Centroña

A obra centrarase na mellora da accesibilidade e na reorganización dos espazos para adaptalos ás necesidades da veciñanza. A recuperación da antiga escola unitaria de Centroña como centro social súmase ás de Campolongo e Nogueirosa, xa realizadas polo Concello de Pontedeume co apoio económico da Deputación da Coruña.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Pontedeume e deputado provincial, Bernardo Fernández, asinaron un convenio de cooperación que permitirá acometer a reforma integral do centro social de Vizús, un edificio utilizado como equipamento sociocultural desde o peche da antiga escola unitaria da parroquia de Centroña a comezos da década de 2000.

O proxecto supón un investimento de 306.713,10 euros, dos que a Deputación achegará o 80%, é dicir, 245.370,48 euros. O Concello asumirá o 20% restante con fondos propios.

As obras centraránse na mellora da accesibilidade e na reorganización dos espazos para adaptalos ás necesidades actuais da veciñanza. Na planta baixa crearase un gran salón multiusos, un office, un cuarto de limpeza, un almacén e un novo baño adaptado. Incorporaranse dous volumes de ampliación: un na entrada, para mellorar a acollida ao edificio, e outro na parte posterior, onde se instalará un ascensor e unha escaleira que comunicarán ambas as plantas, garantindo así un acceso universal.

Na planta alta ampliaranse algunhas das salas existentes, mantendo outros espazos como un pequeno office, un aseo e zonas de almacenaxe. En total, o inmoble contará con tres salóns polivalentes que permitirán acoller actividades culturais, formativas e de lecer de distinta natureza, dende cursos e talleres ata charlas, encontros veciñais ou exposicións.

A intervención inclúe tamén a renovación das instalacións de electricidade, fontanería e ventilación, a mellora do illamento térmico e acústico, a substitución da carpintaría exterior por ventás con rotura de ponte térmico e dobre acristalamento, e a colocación de novos pavimentos en ambas as plantas. O obxectivo é dotar ao edificio de maior confort, eficiencia enerxética e durabilidade.

Durante a sinatura do convenio, Valentín González Formoso subliñou que “como xa fixemos con outras rehabilitacións en outras escolas unitarias de Pontedeume, a Deputación financiou a meirande parte deste proxecto, que supera os 300.000 euros”. Incidiu na importancia de “poñer ao servizo da sociedade e das asociacións de veciños espazos coma este, pois son centros de dinamización cultural e social, en definitiva, puntos de encontro para a veciñanza”.

O alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, agradeceu o apoio da institución provincial e destacou que “con esta actuación, rematamos o plan que arrancou no ano 2015 de rehabilitar todas as antigas escolas unitarias que había no rural de Pontedeume e convertelas en locais sociais, que son axentes dinamizadores das parroquias. Isto faise cunha axuda da Deputación, como se fixo coas outras dúas escolas, as de Campolongo e Nogueirosa, que xa están rematadas e ao servizo da cidadanía”. “Hoxe é un día importante para nós, porque lle damos aos veciños de Centroña unha instalación á altura do que merecen”, rematou o rexedor.

A senda na DP-4802, a aprobación no próximo pleno provincial

Por outra banda, Bernardo Fernández anunciou que no próximo pleno da Deputación levarase a aprobación o proxecto de senda que unirá dous tramos de beirarrúas preexistentes na marxe da DP-4802, que conecta Perbes e Campolongo, dentro do termo municipal eumés.

A actuación, que afecta a un tramo de aproximadamente 700 metros, creará un itinerario para dar continuidade ás beirarrúas que xa existen nos extremos desta senda entre os puntos quilométricos 4+771 e 5+482. O orzamento deste investimento ascende a máis de 331.000 euros e ten un prazo de execución de cinco meses.

Lea también

Neda aprueba incorporar al actual presupuesto las líneas de subvención en concurrencia

Neda convocará durante el próximo trimestre las ayudas para apoyar a las familias con hijos …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *