San Sadurniño acomete a restauración do antigo lavadoiro da Castiñeira, en Ferreira

Os lavadoiros foron noutro tempo elementos fundamentais para a vida diaria, ademais de espazos de encontro e sororidade. Hoxe fican en desuso, aínda que non esquecidos, xa que son parte do noso patrimonio arquitectónico civil -os de San Sadurniño datan de finais dos anos 50 do século pasado- e por iso deben ser conservados e postos en valor como mellor se poida.

Neste sentido, o Concello procura ter en bo estado as 13 fontes e lavadoiros públicos que hai repartidos polo territorio e por iso cada certo tempo acomete rehabilitacións integrais, como está ocorrendo estes días co lavadoiro da Castiñeira en Ferreira de abaixo, cun investimento previsto cercano aos 27.500 euros, impostos incluidos.

O lavadoiro está situado á beira da estrada provincial DP-7601, ao pé do rego que divide os lugares da Senra e a Castiñeira, en Ferreira. Trátase dunha construción duns 6 metros de longo por 5,5 de ancho feita orixinalmente con ladrillo recebado e cuberta con fibrocemento (a uralita de toda a vida), sostida sobre trabes de madeira.

Era o mellor e máis moderno que había a finais dos anos cincuenta e a opción construtiva que daquela se considerou máis axeitada para acondicionar lavadoiros moito máis antigos, como é o caso do da Castiñeira. Na súa pía central -onde se pode lavar por tres dos lados- aínda se conservan dúas grandes pezas de cantaría en toelo e, ademais, no chan aínda hai varios pasos feitos con grandes lousóns que permiten acceder ao recinto e traballar nel sen medo a mollar os pés.

As obras iniciadas hai uns días -e xa moi avanzadas- teñen como obxectivo rehabilitar toda a construción conservando a estrutura, ao tempo que se mellora a súa integración na paisaxe, respectando os valores arquitectónicos  e garantindo unha correcta integración no entorno.

A actuación, adxudicada a Construcciones Guerreiro Somozas S.L., está seguindo os criterios e recomendacións da Guía de cor e materiais de Galicia, en congruencia co Catálogo das paisaxes de Galicia, e por iso o primeiro que se fixo foi retirar as placas de fibrocemento para substituilas por unha nova cuberta de tella na parte superior e madeira na inferior, axeitándose así aos materiais tradicionais na nosa zona. Os traballos tamén mellorarán o chan do lavadoiro, evitando o seu enchoupamento e facilitando que sexa máis accesible para quen queira visitalo.

O investimento total ascende a 27.465,41 €, incluindo neste importe os custes da obra, o do proxecto e os impostos correspondentes. Para financiar esta contía, polo menos nunha parte, o consistorio beneficiarase dunha achega de 20.000 euros da liña para a corrección do impacto paisaxístico convocada a finais do ano pasado polo Instituto de Estudos do Territorio.

Lea también

Valdoviño participa con la comisión de la FEMP en la reunión sobre autocaravanismo organizada por la DGT

En condición de vocal de la Comisión de Transporte, Movilidad e Infraestructuras de la Federación …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *