Fene mellora máis de 300 metros de beirarrúas en Limodre

A actuación forma parte do plan global de mellora e acondicionamento das beirarrúas en todas as parroquias do concello.A alcaldesa, Sandra Permuy, supervisou os traballos xunto co tenente alcalde, Manuel Polo, e o concelleiro de servizos, Adán Chao.

O Concello de Fene continúa co seu plan de mellora e acondicionamento das beirarrúas en todas as parroquias do termo municipal, unha actuación enmarcada nun proxecto global iniciado o pasado ano e que segue en execución na actualidade. Nesta nova fase estanse a executar traballos na parroquia de Limodre, concretamente no Camiño Grande e na estrada de Cabanas, cunha intervención que abrangue unha lonxitude total de 329 metros lineais de beirarrúa.

As obras comezaron coa demolición e retirada das beirarrúas existentes, deterioradas polo paso do tempo e polo uso continuado, para despois proceder ao formigonado da nova superficie mediante formigón en masa, garantindo maior resistencia mecánica e durabilidade. O acabado superficial será en formigón coloreado en ton gris, cun tratamento que mellora a uniformidade estética, incrementa a accesibilidade e facilita o mantemento futuro.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, desprazouse á zona para supervisar o avance dos traballos, acompañada polo concelleiro de servizos, Adán Chao, e o tenente alcalde, Manuel Polo. “Con estas actuacións estamos mellorando de maneira progresiva as infraestruturas peonís de todo o concello, dando resposta a unha demanda veciñal e facendo de Fene un concello máis seguro e accesible, priorizando as zonas con maior deterioro”, destacou Permuy.

O concelleiro de servizos, Adán Chao, incidiu na importancia de manter este tipo de actuacións ao longo de todas as parroquias: “Non se trata só dunha mellora estética, senón de garantir unha mobilidade peonil segura para todas as persoas usuarias”.

Con este tipo de intervencións, o Concello de Fene avanza na modernización das súas infraestruturas, mellorando a seguridade viaria, a mobilidade peonil e a calidade urbana. Unhas actuacións que seguirán nas próximas semanas, estando previstas actuacións en todas as parroquias do concello.

Lea también

Nueva actividad especial en el museo Caldoval de Mugardos, “Banquete en Caldoval”

Caldoval termina el mes de septiembre con una nueva actividad especial el próximo sábado 27 …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *