San Sadurniño contará en 2026 cun centro terapéutico para persoas con alzhéimer e outros procesos de deterioramento cognitivo

O investimento achégase aos 300.000 euros, que se cubrirán na súa maioría cunha axuda nominativa da Deputación da Coruña.

O alcalde, Secundino García Casal, e a concelleira de Benestar, Mari Carme Muíño Filgueira

O Concello de San Sadurniño reiniciou hai uns días as obras de reabilitación integral da antiga escola de Igrexafeita. Os traballos, que levaban interrompidos dous anos por causa do abandono da anterior empresa construtora, avanzan a bo ritmo e, de feito, en escasas dúas semanas xa se fixeron as divisións interiores, ademais de estar moi adiantada a instalación eléctrica. O deseño describe un imoble de aspecto totalmente renovado que sexa moi accesible e práctico para a finalidade coa que foi concibido: converterse, coa colaboración de AFAL Ferrolterra, nun centro para a estimulación terapéutica de persoas con alzhéimer e outras demencias. Na obra investiranse case 300.000 euros, financiados por medio dunha axuda nominativa de 240.000 da Deputación da Coruña.

O alcalde, Secundino García Casal, e a concelleira de Benestar, Mari Carme Muíño Filgueira, achegáronse esta semana pasada até Igrexafeita para ver a evolución dos traballos, que se centrarán nunha restauración integral do edificio para darlle un uso sociocomunitario.

As obras non modificarán a estrutura -que conta con 250 m² divididos en dous andares máis o faiado- pero si a distribución do espazo, sobre todo o do primeiro andar, onde se suprimiron tabiques para conseguir unha superficie diáfana que logo se poida volver dividir atendendo ás necesidades de uso. O groso dos traballos consistirá na renovación da envolvente e na instalación de novas fiestras  para acadar mellores condicións de illamento térmico, xunto coa reparación o interior co obxectivo de que tamén teña boas condicións de illamento sonoro e de habitabilidade.

Ademais, o edificio mellorará en accesibilidade coa instalación dunha rampa lateral e dun ascensor cuxo corpo irá polo exterior da fachada para non comer espazo interior nin tampouco deixar inutilizado o xa de por si reducido oco da escaleira.

Por outra banda tamén se pretende que as instalacións sexan da máxima eficiencia enerxética, algo que se conseguirá combinando o illamento cunha calefacción por aerotermia e con iluminación led. O pintado, o cambio das carpintarías e a instalación de falsos teitos completan a relación de obras do proxecto.

“Confiamos en que despois de dous anos de retraso, agora a obra estea encamiñada. E vendo os avances destes últimos días, parece que si, que a cousa marcha ben”, apunta o alcalde, Secundino García Casal. O rexedor destaca que os traballos “permitirannos recuperar un edificio que levaba abandonado case trinta anos, e recuperalo para unha finalidade tan necesaria como é o apoio ás persoas con alzhéimer ou outros procesos de deterioramento cognitivo”.

Neste sentido, a titular de Benestar, Mari Carme Muíño, apunta que “máis que a obra en si, que é moi necesaria, o importante é o servizo que se prestará nela despois. Levamos tempo en conversas con AFAL Ferrolterra para que a antiga escola de Igrexafeita se convirta nun centro para a abordaxe integral destas situacións, desde a detección e diagnose dos problemas cognitivos até o acompañamento posterior cunha estimulación terapéutica que retarde na medida do posible o seu avance”.

Muíño Filgueira precisa, ademais, que o centro tamén estará moi enfocado nas familias “para que teñan tempo de respiro e, sobre todo, para recibiren asesoramento especializado desde o primeiro momento. Xestionar unha demencia non é doado para ninguén, nin para a familia nin para a persoa que a sofre e debe asimilar a súa nova realidade. Por iso é tan importante contar con apoio especializado como o que ofrece AFAL Ferrolterra”.

Neste momento estase perfilando o modelo de colaboración entre o Concello e a entidade “que ten un compromiso firme cun proxecto moi necesario para a veciñanza de San Sadurniño, que terá un acceso prioritario, e incluso para concellos limítrofes”, recalca Muíño. Segundo a concelleira, unha vez rehabilitada, a antiga escola de Igrexafeita “poderá atender unhas 10 persoas por unidade durante catro horas diarias. Será algo parecido a un Centro de Día onde as persoas usuarias acudirán para facer distintas actividades dirixidas por terapeutas. Ademais tamén esperamos que este servizo, que figura na carteira de atención á dependencia, tamén conte con transporte”. “En calquera caso -prosegue a responsable de Benestar-, estes aspectos perfilaranse nos próximos meses, analizando todos os detalles coa xerencia e a dirección terapéutica de AFAL co obxectivo de que, unha vez rematen as obras, o centro teña xa definido o seu modelo de funcionamento”.

Neste sentido, o alcalde comenta que “se as cousas marchan dentro das previsións”, o edificio podería quedar rematado na primeira metade de 2026. Secundino García Casal expresou a súa satisfacción “por dar un paso máis na atención ás persoas, que é unha das nosas prioridades, e facéndoo cun servizo de iniciativa municipal co que contan aínda poucos concellos e que, todo hai que dicilo, debería ser prestado directamente pola Xunta”.

O alcalde tamén manifesta “o grande valor” de que o centro vaia estar situado no rural: “temos os mesmos dereitos que as cidades e debemos poñer os medios para que servizos tan necesarios coma este estean preto da nosa veciñanza. Ademais, que o centro estea no rural, integrado no territorio, é un factor moi favorable para a súa misión terapéutica, xa que as persoas usuarias seguirán no seu entorno e nun lugar afastado do estrés das zonas máis poboadas”.

A intervención na escola de Igrexafeita está cuantificada en 299.850,69 euros. Dela está encargándose a construtora Ambientum, Tratamiento Global del Medio Ambiente S.L., despois de que en 2023 a primeira adxudicataria abandonase as obras a pouco de inicialas por desacordos co Concello. A Deputación da Coruña apoia o proxecto cunha achega de 240.000 euros, mercede a un acordo asinado en agosto de 2022 entre Secundino García Casal e o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira.

Lea también

Cerca de 220 personas participaron en el escape room al aire libre “Tesoros de Neda”

La iniciativa forma parte del proyecto Xogal, impulsado por Seitura 22 y otros tres GDR, …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *