O Pleno do Concello de As Pontes aprobou esta semana a súa adhesión ao Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan Único de Concellos) POS+Adicional 2/2025, impulsado pola Deputación da Coruña.

A proposta, cun orzamento total de 481.578,37 euros, inclúe tres actuacións fundamentais destinadas á mellora das infraestruturas urbanas e rurais, coa finalidade de modernizar os servizos públicos, garantir a accesibilidade e mellorar a calidade de vida da veciñanza.
Mellora integral do patio de Santa Bárbara
Co presente proxecto preténdese realizar unha intervención integral no ámbito público do Poboado de Santa Bárbara, centrada no patio entre os bloques de vivendas. Trátase dunha zona que presenta deficiencias recorrentes, especialmente no sistema de saneamento, que sofre atascos frecuentes nas arquetas das acometidas fecais.
Como solución, proxéctase a execución dunha nova rede separativa de pluviais e fecais, con novos pozos de rexistro para cada rede, imbornais de pluviais e arquetas de acometida das vivendas. Esta actuación supón a substitución completa da rede actual, conectando cada grupo de vivendas ao novo trazado.
A instalación de abastecemento manterase sen modificacións, salvo a adaptación das arquetas á nova rasante e a colocación de novas tapas. O pavimento renovarase completamente, mantendo o acabado de formigón visto, eliminando os desniveis existentes e executando rampas accesibles para garantir a mobilidade universal.
Colocarase unha solera de formigón en masa con acabado pulido antideslizante e coloreado, executarase a preinstalación soterrada do alumeado público, e adaptaranse os rexistros á nova rasante. Como mellora de equipamento urbano, instalaranse dúas papeleiras de fundición, unha en cada extremo do patio.
Pavimentación do vial ao Niño do Azor (San Xoán do Freixo)
Con cargo á Deputación da Coruña, destinaranse 84.542 euros á pavimentación dun novo tramo do vial que dá acceso ao núcleo do Niño do Azor, continuando as actuacións de mellora viaria desenvolvidas nos últimos anos nesta parroquia.
A intervención inclúe o varrido da calzada, limpeza e perfilado das marxes e cunetas, aplicando unha capa de saburra para evitar escalóns producidos polo recrecido do firme. Repararanse as fochas existentes con mestura bituminosa e aplicarase unha nova capa de aglomerado asfáltico en quente. A actuación completarase coa sinalización horizontal e vertical correspondente.
Na continuación do tramo, ata o límite do Concello, procederase á reparación de fochancas mediante mestura bituminosa en frío.
Mellora da beirarrúa e servizos en Rego do Muíño e rúa Areosa
Finalmente, destinaranse 308.900 euros á renovación da marxe esquerda da rúa Rego do Muíño e dun tramo da rúa Areosa, unha das principais arterias de mobilidade da vila. Esta actuación abrangue a renovación completa dos servizos urbanos de saneamento e alumeado, así como a mellora do pavimento.
Executarase a substitución do pavimento da beirarrúa por baldosas hidráulicas, salvo nas zonas arredor das árbores, onde se empregarán materiais drenantes. Co obxectivo de garantir a accesibilidade universal, suprimiranse elementos que supoñan barreiras arquitectónicas e ampliarase a beirarrúa para crear un itinerario peonil accesible.
A carón do local de ASPANAES, na rúa Areosa, crearase un itinerario peonil seguro desde a saída do centro e executarase un paso de peóns nas proximidades, mellorando a seguridade viaria das persoas usuarias e as súas familias.
A nova rede de saneamento seguirase construíndo baixo un modelo separativo de pluviais e residuais, substituíndo progresivamente a antiga rede unitaria. O novo alumeado público soterrado incluirá farois con luminarias LED de baixo consumo, garantindo eficiencia enerxética e uniformidade lumínica.
Previamente, será necesario realizar a demolición dos pavimentos e das redes existentes, así como os movementos de terra pertinentes. A zona será equipada con 3 bancos, 3 papeleiras e 7 xardineiras de madeira certificada resistente á intemperie. A actuación finalizará coa reposición da sinalización vertical e horizontal.
Con esta nova fase do Plan Único POS+ Adicional 2/2025, o Concello de As Pontes reafirma o seu compromiso coa modernización das infraestruturas locais, a sustentabilidade dos servizos públicos e a mellora da calidade de vida da veciñanza, contando co apoio e financiamento da Deputación da Coruña.