Arranca a quinta edición de “As Pontes, Terra de Cogomelos”

A concelleira de Turismo, Hostalería e Comercio de As Pontes, Elena López, acompañada polo presidente da Asociación Micolóxica Poupariña, Miño Guerreiro, e o responsable da empresa Deloga, Ismael Blanco, presentaron na Casa do Concello, a programación da quinta edición de “As Pontes, Terra de Cogomelos”, un ciclo de actividades centradas na micoloxía que, un ano máis, encherá o outono de vida, sabor e coñecemento.

Este consolidado programa naceu co obxectivo de achegar á veciñanza a cultura micolóxica, fomentar o coñecemento dos cogomelos e os seus aproveitamentos, e promover un recurso natural cun gran potencial gastronómico, turístico e económico para a comarca.

Segundo destacou Elena López, trátase dun programa “dirixido a todos os públicos, con propostas para todas as idades, que contribúe a dinamizar o municipio e, moi especialmente, a apoiar á hostalería local”, xa que moitos establecementos ofrecerán petiscos e pratos especiais con cogomelos como protagonistas. A edil quixo poñer en valor que “esta iniciativa xa se converteu nun dos piares económicos e turísticos de As Pontes durante o outono”.

Un programa diverso e participativo

A programación de “As Pontes, Terra de Cogomelos 2025” inclúe máis dunha ducia de actividades totalmente gratuítas, que arrancan este mesmo martes 16 coa apertura do prazo para participar no I Concurso de Fotografía Micolóxica. Os faladoiros formativos, con presenza de recoñecidos expertos, celebraranse os días 3, 10 e 24 de outubro, e 7 de novembro, na Casa Dopeso. Entre os relatores destacan o fotógrafo Daniel Puente, o cociñeiro Antonio Díaz, o cultivador local Rafael Corral e os micólogos Marí Cabaleiro e Hugo Fernández, da Universidade de Vigo.

O programa tamén inclúe paseos micolóxicos para expertos, familias, escolares e afeccionados; un roteiro fotográfico micolóxico con Daniel Puente; e actividades pensadas especialmente para o sector hostaleiro, como as microxornadas de cociña e a xa clásica Roita de Sabores pola Hostalería das Pontes, prevista para novembro.

Os días 1 e 2 de novembro celebrarase a XXXV Feira de Fungos e Cogomelos, que incluirá obradoiros para pequenos e adultos, ademais dos tradicionais certames de receitas con cogomelos, tanto para profesionais como para afeccionados. Cultura micolóxica para todas as idades

Miño Guerreiro, presidente da Asociación Micolóxica Poupariña, puxo o acento na importancia da divulgación e da educación ambiental como piares deste proxecto. Subliñou que esta programación permite “transmitir a paixón pola micoloxía a persoas de todas as idades, mantendo vivo o espírito co que naceu esta feira”.

Desde a asociación, tamén se organizarán xuntanzas micolóxicas semanais, abertas ao público e pensadas para compartir coñecementos, identificar especies e fomentar a aprendizaxe continua.

Información e inscricións

Todas as actividades son de balde, pero algunhas contan con prazas limitadas, polo que se require inscrición previa a través do seguinte enlace: https://deloga.typeform.com/cogomelos2025. Para máis información, tamén está dispoñible: 604 04 73 37 o no correo terradecogomelos@gmail.com

A concelleira Elena López convidou a veciños e visitantes a consultar o programa completo e participar nesta edición, que ofrece unha oportunidade única para gozar da natureza, da gastronomía e do coñecemento micolóxico: “Un espazo de aprendizaxe, encontro e dinamización local que segue medrando grazas ao apoio de toda a comunidade”.

Lea también

Ferrol cubre 391 plazas en los campamentos de verano para facilitar la conciliación familiar

El Concello de Ferrol ha publicado la lista provisional de personas admitidas en los campamentos …