A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, participou en Ferrol no acto de presentación do VII Festival Internacional de Entes Animados, acompañada por Plamen Dipchikov, director do festival, no que tamén participan os concellos de Ferrol, Ares, Fene, Neda, Mugardos, Miño e Valdoviño, representados por edís das súas respectivas corporacións na convocatoria.
As representacións programadas en Narón comezarán este venres día 19, co espectáculo Marieta la valiente, da compañía brasileira Trapustero Teatro, que actuará ás 19:00 horas no centro cívico social de San Xiao. A fin de semana continuará coas sesións programadas no centro cívico social do Val, o sábado 20 ás 20:30 horas, coa peza As minhas mais, da compañía portuguesa Trulé, e o domingo 21 no centro cívico social de Sedes, onde a partir das 17:00 horas se poderá ver Limonardo da vento, da compañía búlgara Kalina-El árbol que camina.
A vindeira semana continuará o ciclo na cidade, con outras tres propostas que se retomarán o venres 26, no centro cívico social de Doso, onde ás 16:30 se representará La muerte de Don Cristóbal, da compañía francesa Pelele; o sábado no local social da Pombiña, en Pedroso, representarase dende as 16:30 horas
La granja, da compañía andaluza Búho e finalmente o domingo 28 poderase ver no centro cívico social de San Mateo a obra El caballero sin caballo, a partir das 19:00 horas, da compañía arxentina Pizzicato. O director do festival indicou que a maiores destes seis espectáculos programados co Padroado da Cultura de Narón, na cidade tamén haberá outra oportunidade para acudir a este festival, concretamente na xornada do 28 deste mes, que se representará no Pazo Libunca a obra Limonardo da vento, ás 19:00 horas.
Incidiu en que o evento medra tanto en compañías participantes como en número de espectáculos e funcións con respecto a outros anos e recalcou o feito de que moitas das compañías participan por primeiro ano.
A alcaldesa de Narón destacou a variedade e calidade dos espectáculos e asegurou que “o compromiso deste festival coa cultura e as artes é unha realidade e dende o Concello de Narón compartimos ese compromiso e apostamos por seguir formando parte activa desta iniciativa, que ano tras ano se consolida na nosa cidade e comarca”. Así mesmo recalcou a importancia de descentralizar a cultura, achegándoa á zona rural “con propostas como a que hoxe presentamos”, animando á cidadanía a acudir a ver os espectáculos.