O evento cultural, que busca «descentralizar» a oferta teatral, levarase a cabo do 19 ao 28 de septembro.
O concelleiro de Xuventude e Marca Ferrol, Arán López, asistiu na maña desde martes á presentación do VII Festival Internacional Entes Animados, que tivo lugar no Hotel Almirante. Esta edición desenvolverase do 19 ao 28 de setembro e levarase a cabo en Ferrol, Narón, Neda, Fene, Ares, Cabanas, Valdoviño e Miño.
“Este festival é xa unha cita imprescindible do noso outono cultural e que enche as rúas e espazos da comarca de maxia, creatividade e ilusión”, afirmou o concelleiro de Xuventude. A nosa cidade acollerá un total de catro espectáculos infantís ao abeiro desta iniciativa, tres deles son sufragados polo Concello de Ferrol e outro pola AVV de Canido. O primeiro deles terá lugar este venres día 19 ás 12:30 horas no Ceip Pazos Mestre García Niebla coa representación da obra Marieta a valente, da compañía Trapusteros Teatro.
O vernes 26, no Ceip A Laxe a partir das 12.00 horas os escolares verán o espectáculo A Granxa de Búho Teatro. E o sábado 27 ás 19.30 horas haberá unha dobre representación: unha no centro cívico de Canido coa obra Eu e que conto? da Compañía Fértil Cultural e á mesma hora no local da AVV O Lago de Doniños Buho Teatro levará aos veciños a peza Quen son?. “En Ferrol, teremos a sorte de acoller varias citas especiais, pensadas tanto para todos os públicos, xa que un títere non é só un boneco: é unha voz que cobra vida, unha historia que nos fai rir, emocionarnos e reflexionar”, afirmou Arán López.
O responsable de Xuventude agradeceu ao director do festival, Plamen Dipchikov, o traballo e dedicación desta nova edición director e aproveitou para convidar aos veciños da comarca a gozar este festival nas diferentes citas que ofrece ao longo do mes de setembro.
Segundo Plamen Dipchikov, responsable do festival, o principal obxectivo é «descentralizar a cultura»; para que chegue ás parroquias e zonas rurais, permitindo que un público máis amplo goce dunha programación de calidade.
COMPAÑÍAS
Este ano, o festival reforza o seu carácter internacional coa incorporación de compañías de Arxentina, Portugal, Francia, Brasil e unha compañía de Andalucía con proxección internacional. As compañías brasileiras traerán aos Mamolengos, un tipo de marionetas recoñecidas como patrimonio da humanidade, que ofrecerán dous espectáculos diferentes.
Arán López, concelleiro de Festas de Ferrol, e Marián Ferreiro, alcaldesa de Narón, coincidiron na importancia da colaboración entre administracións para poder levar a cabo un evento como leste.
«Cun só concello, nin sequera os máis grandes, poderiamos materializalo«, afirmou Ferreiro. Á presentación tamén asistiron representantes dos outros municipios participantes: Cristina García (Fene), Tamara Sabin (Valdoviño), Gabriela Sánchez (Mugardos) e Marián Bello (Neda), quen expresou a súa satisfacción por formar parte do proxecto.