A Casa da Cultura de Neda acolle este venres un obradoiro sobre manexo da dor crónica

O Concello de Neda programa este venres á tardiña, en colaboración coa Escola galega de saúde para cidadáns, un obradoiro centrado no manexo da dor. O cursiño, para o que se esgotaron as prazas ofertadas, porá o foco na dor crónica, ofrecendo pautas útiles para convivir con ela.

A actividade chegará á Casa da Cultura o día 19 de setembro, de 16.30 a 20.30 horas. E nela, Ana Isabel Calvo, enfermeira da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do SERGAS, explicará ás persoas participantes as características e tipos de dor existentes (crónica e aguda). Abordará ademais a súa avaliación e tratamento, e falará das escalas de valoración de grao, centrándose especialmente na dor crónica.

O obradoiro, que cubriu en cuestión de días as súas 26 prazas, brindará ademais ao alumnado toda unha serie de recomendacións e técnicas para axudar a reducir a intensidade da dor, aliviando o sufrimento, é dicir, a resposta emocional a esa dor.

A acción formativa persegue polo tanto mellorar a comprensión da dor crónica por parte dos pacientes e da súa contorna, así como proporcionar habilidades e para o seu manexo, contribuíndo a mellorar a calidade de vida no ámbito persoal e familiar.

Lea también

Cabanas se vuelca con José Luis Maroño en un multitudinario homenaje con más de 200 asistentes

Más de 200 personas llenaron el espacio del acto en Cabanas para rendir un sentido …