Psoe Ferrol lamenta que o goberno local se desfaga do único chan industrial dispoñible e reivinca unha Emafesa pública

Psoe Ferrol afirma que o alcalde da cidade «desfaise do único chan industrial dispoñible en Ferrol mentres aplica unha política fiscal caótica e desigual» “Sobe impostos ás familias e perdoa pagos á Xunta e a entidades privadas”, afirma Ángel Mato.

O Grupo Municipal Socialista denunciou «que o alcalde está a hipotecar o futuro económico da cidade ao desfacerse do único chan industrial dispoñible, situado en Mandiá, un espazo estratéxico que fora incorporado ao convenio co Ministerio de Defensa precisamente para atraer empresas e crear emprego».

«Para os socialistas, esta decisión confirma a neglixencia e improvisación dun alcalde incapaz de planificar, que unha vez máis opta pola saída máis fácil, sen ter en conta o interese xeral da cidadanía. Ademais, critican a política fiscal caótica e discriminatoria da alcalde: mentres sobe impostos ás familias a través do IBI e da auga, perdoa pagos á Xunta e a entidades privadas, privando ao Concello de ingresos fundamentais que deberían destinarse á mellora dos servizos públicos».

O PSOE deixa claro «que defende a necesidade de que o club con maior masa social da cidade conte cunha cidade deportiva. O problema non é o deporte, senón un alcalde que é incapaz de conjugar os intereses deportivos co desenvolvemento económico e industrial da cidade».

“Para iso foi elixido o alcalde: para buscar as mellores solucións. O que non pode facer é tirar sempre pola rúa do medio, facendo unha total deixación de funcións mentres pasa o seu tempo en Madrid”, subliñou Ángel Mato.

Asimesmo noutra orde de cousas o PSOE reivindica «unha Emafesa 100 % pública e lamenta que o alcalde lle subira as taxas á cidadanía para agora rescatar a empresa de augas con cargo ás arcas municipais». Os socialistas advírten ao alcalde «que non consentirán que a operación se converta nun cabalo de Troia para volver privatizar a compañía cando remate o contrato, en 2030»

O PSOE de Ferrol reivindica «que a cidade dispoña dunha empresa de augas de carácter 100 % público e que, en vez de supoñer unha carga para as arcas municipais, se converta nun activo, non só para o Concello como institución, senón tamén para toda a cidadanía. Así ocorre noutras cidades que apostan polo modelo totalmente público con excelentes resultados e un gran retorno social», segundo defendeu o secretario xeral socialista e portavoz do grupo municipal, Ángel Mato.

O PSOE sinala «a gran parte de culpa do PP na situación á que chegou Emafesa logo de que, desde a oposición, o alcalde torpedease constantemente a aprobación das contas da empresa, cortándolle as vías de financiamento e afogándoa economicamente, por non falar da “hipoteca” que deixou á súa saída do goberno local en 2015 co problema do saneamento. “Agora que volver gobernar, aprobou as mesmas contas que antes torpedeaba. As mesmas, ata a última coma”, subliñou Mato acerca do que constitúen “tácticas vergoñentas que só responden aos intereses do PP”.

O voceiro socialista lamentou «que o alcalde desbotara a posibilidade de inxectar capital en Emafesa e decidise subirlles as taxas a todos os ferroláns e ferrolás. “Foi ao peto dos veciños para nada, e agora, incapaz de reconducir a situación, finalmente ten que destinar fondos das arcas municipais a rescatar a compañía”, criticou sobre o que se demostra como unha xestión “nefasta e lesiva para a cidadanía”».

Por outra banda, recriminoulle ao rexedor «a desidia á hora de defender os intereses de Ferrol fronte aos de outros concellos aos que Emafesa presta servizos, tratando de acadar acordos “excesivamente xenerosos” en lugar de deixar que a Xustiza falle a favor do Concello ferrolán. “Iso tamén xoga contra os intereses da compañía”, advertiu.

Mato insistiu en que «a alternativa de inxectar recursos públicos en Emafesa, por exemplo, a través dunha subvención, en tanto se cumpren os 30 anos de vixencia do contrato (rematan no 2030) puxérona sobre a mesa os socialistas “precisamente para que non tiveran que pagar directamente os ferroláns e ferrolás a través dun incremento de taxas”.

Pero o alcalde actuou «á inversa, cunha medida “que non serviu de nada”, para agora optar por unha solución similar á que antes se negaba a aplicar. O resumo que fixo o portavoz é que, logo das políticas populares tanto desde o goberno coma desde a oposición, apenas queda marxe para evitar a liquidación de Emafesa, unha circunstancia que “aínda empeoraría a situación”.

Por iso, explicou que o Grupo Socialista analizará “con detalle e con todo o rigor posible” a proposta que o goberno de Rey Varela quere levar a pleno este mes, e advertiu que «non consentirá que se trate dun “cabalo de Troia” para volver privatizar a compañía cando o contrato de 30 anos chegue ao seu fin. “Saneala para despois volver vendela ao mellor ofertante sería un roubo”, sinalou.

“O modelo polo que apostamos desde o Partido Socialista é o de unha compañía de augas totalmente pública, e con ese obxectivo traballaremos”, comprometeuse. “Queremos unha empresa que preste o mellor servizo e o faga a prezos competitivos, e que ademais sexa financeiramente sustentable”, afirmou.

Lea también

El TSXG confirma un año y ocho meses de prisión por un robo con fuerza en la cantina de un campo de fútbol en Ferrol

El Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ha confirmado la condena de un año …