Luis Torres Foira, decano do Colexio de Avogados de Ferrol, novo presidente do Consello da Avogacía Galega

A toma de posesión terá lugar o día 10 de outubro de 2025.

Luis Torres Foira, decano do Colexio de Avogados de Ferrol, foi elixido novo presidente do Consello da Avogacía Galega (CAG) no pleno celebrado o pasado venres 12 de setembro na Coruña.

Na mesma sesión, Francisco Rabuñal Mosquera, anterior presidente da corporación e actual decano do Colexio da Avogacía de Santiago de Compostela, foi designado vicepresidente, mentres que Augusto Pérez-Cepeda Vila, decano do Colexio da Coruña, asumirá o cargo de secretario.

Con máis de corenta anos de traxectoria profesional como avogado, Luis Torres Foira leva preto de oito á fronte da representación dos 560 letrados e letradas adscritos ao Colexio de Ferrol.

Nas súas primeiras palabras tras ser elixido, o presidente electo adiantou cales serán as principais liñas de actuación que marcarán o seu mandato ao fronte do Consello:

1. A xustiza gratuíta e a quenda de oficio.
Subliñou a importancia da asistencia xurídica gratuíta como un compromiso irrenunciable da avogacía galega. Neste sentido, destacou o momento decisivo no que nos atopamos, pois remata a vixencia do baremo de remuneracións dos últimos cinco anos e deberá negociarse o que rexerá durante o próximo quinquenio.
Trátase dun fito trascendental que establecerá as condicións nas que os letrados e letradas da quenda de oficio seguirán prestando este servizo esencial en condicións de dignidade.

2. A unidade da avogacía.
Luís Torres Foira apelou á necesidade de manter a cohesión entre todos os colexios e profesionais, lembrando que as lexítimas e históricas reivindicacións da profesión —unha xustiza gratuíta digna, a independencia profesional e a defensa efectiva do dereito de defensa— son comúns a toda a avogacía, e que “só desde a unidade se poderán acadar logros reais”.

3. A formación e a innovación tecnolóxica.
Así mesmo, incidiu na importancia de “reforzar a formación continua dos profesionais, impulsando a excelencia no exercicio e a adaptación aos novos retos, con especial atención ao uso ético e responsable das tecnoloxías intelixentes que xa están a transformar o sector da avogacía”.

4. Pensións dignas.
Luís Torres reclamou unha solución ás xustas reivindicacións dunha pensión digna, recoñecida constitucionalmente e que sexa complementada mediante impostos, como o resto das pensións; cunha pasarela ao RETA para aqueles que desexen realizar esa transición.

Sobre o Consello da Avogacía Galega

O Consello da Avogacía Galega é unha corporación de dereito público integrada polos colexios da avogacía de Galicia (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Vigo e Santiago), cuxa finalidade é agrupar, coordinar e representar os colexios en asuntos de interese común ante a Xunta de Galicia e, en xeral, ante calquera organismo, institución ou persoa, física ou xurídica, en todo o que sexa necesario para o cumprimento dos seus obxectivos.

Segundo recollen os seus estatutos, o CAG ten competencias para fomentar, crear e organizar institucións, servizos e actividades relacionadas coa profesión de avogado; promover a formación e o perfeccionamento profesional, a promoción cultural; convocar e realizar congresos, xornadas, simposios e actos similares vinculados co Dereito Civil Galego e co exercicio da avogacía na Comunidade Autónoma; editar libros e traballos xurídicos sobre lexislación e xurisprudencia aplicables a Galicia; publicar normas e disposicións de interese para o colectivo; colaborar cos poderes públicos na realización e pleno desenvolvemento dos dereitos da persoa e das institucións dentro do seu ámbito; así como defender os dereitos dos colexios da avogacía de Galicia e dos seus colexiados.

Lea también

Rescatadas todas las vacas que se cayeron en un precipicio de Lugo con la colaboración de un helicóptero de Asturias

El rescate de las vacas que se cayeron en un precipicio de Taboada se ha …