O I Festival Dragón Boat enche de vida o Lago das Pontes nunha xornada de deporte, solidariedade e superación

O Lago das Pontes acolleu este pasado sábado o primeiro Festival Dragón Boat, unha xornada deportiva e solidaria organizada polo club Folixa As Pontes, que reuniu a centos de persoas nun ambiente marcado pola emoción, o compañeirismo e a visibilización da loita contra o cancro de mama.

O evento contou coa participación de equipos femininos, mixtos e BCS/ACS (formados por persoas sobreviventes ou afectadas polo cancro), que competiron nas modalidades de barcos DB12 e DB22, demostrando un gran esforzo físico e unha enorme forza emocional. Un dos momentos máis destacados foron as “Batallas Dragón Boat”, que puxeron o toque máis competitivo e divertido á xornada, cun formato áxil e cheo de intensidade.

Desde o Concello de As Pontes, o alcalde Valentín González Formoso agradeceu a implicación de todas as persoas participantes e destacou «a importancia de iniciativas que unen deporte, saúde e convivencia, e que contribúen a dinamizar espazos naturais como o Lago das Pontes». Tamén quixo recoñecer o traballo do Náutico Folixa polo seu compromiso coa promoción dos valores sociais e deportivos da vila.

A xornada completouse con actividades para todos os públicos, animación, música e zonas de descanso e avituallamento, convertendo o festival nun espazo de encontro interxeracional e inclusivo.

Desde o Concello trasladouse un agradecemento especial a todas as persoas participantes, entidades colaboradoras e público asistente «por facer deste primeiro festival unha verdadeira celebración da forza, da esperanza e da comunidade». Tras o éxito desta primeira edición, o Festival Dragón Boat das Pontes nace coa vontade de consolidarse como unha cita anual de referencia no calendario deportivo e social da comarca.

Lea también

La obra ‘As Mouras’ en Fene, del pontés Wedo Goás, elegida mejor mural del mundo 2025

 El mural «As Mouras», obra del artista nacido en As Pontes Edgar Goás Blanco (Wedo …