O Aldebarán-Intasa de San Sadurniño recibe ao Club Vigo Voleibol

O pavillón municipal acolle no serán deste sábado 13 a disputa do XXII Torneo de voleibol Concello de San Sadurniño, o clásico da pretemporada que este ano regresa ao seu formato de partido único no que os anfitrións, o Aldebarán-Intasa, recibirán ao Club Vigo voleibol.

Fuente César Galdo

O partido comezará ás 19:00 horas e será unha boa oportunidade de ver en acción a dúas das escuadras galegas que militarán este ano na Superliga 2 Masculina, a división de prata do volei estatal. O club local convida a toda a súa afección a encher o pavillón «para sentir o voso apoio desde o primeiro saque».

O duelo, máis alá de ser un clásico galego, cobra especial relevancia porque os dous clubs medirán forzas no mesmo grupo de competición, polo que o trofeo de San Sadurniño pode considerarse un prólogo do que se verá ao longo da primeira metade da liga.

Fuente César Galdo

A SM2 2025-26 arrancará o vindeiro 4 de outubro e prolongarase ata o 21 de marzo de 2026, cun total de 34 equipos distribuídos en tres grupos. No Grupo A, onde militarán o Aldebarán-Intasa e o Club Vigo voleibol, tamén participan outros referentes galegos como o Emevé Lugo e o Voleibol Dumbría, xunto a escuadras asturianas, castelás e madrileñas. O calendario completo pode consultarse na web da Real Federación Española de Voleibol.

Para o Aldebarán-Intasa, a cita deste sábado supón unha oportunidade de amosar diante da súa afección o nivel competitivo acadado tras varias semanas de preparativos e posta a punto dun equipo que volve estar dirixido por Pablo Parga.

O encontro contra Vigo permitirá medir o rendemento dun cadro de xogadores que se está dándo a coñecer a través das redes sociais nos últimos días e onde polo momento se desvelaron os nomes das renovacións, con nomes como o de Roi Losada, Manuel Gomes, Álex Vizoso, Sebastián Razvan, Lucas Wünschmann, Javier García, Luis Meza, Jaime Caamaño e a estrea como líbero do canteirán Iván Dopico.

Fuente César Galdo

O Concello de San Sadurniño convida á veciñanza a achegarse ao pavillón municipal para gozar dun choque de gran intensidade. A entrada será libre e ademáis do espectáculo deportivo, o trofeo servirá como acto de presentación ante a súa xente dun equipo que volverá loitar por seguir mantendo o nome de San Sadurniño como referencia do voleibol galego e estatal.

 

Lea también

Cortes de tráfico el domingo 14 en Ferrol con motivo de la Vuelta Ciclista a Galicia

La ciudad departamental será la meta de esta competición en la que se darán cita …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *