As Pontes e a Casa Do Mel impulsan a creación dun centro apícola e agroalimentario en Goente

O Concello das Pontes e a Asociación A Casa do Mel veñen de dar un paso decisivo para a creación do Centro Apícola e de Produtos Agroalimentarios de Goente, un proxecto estratéxico que nace co obxectivo de fortalecer o tecido agroalimentario local, impulsar a formación e a innovación no rural e garantir a posta en valor do mel galego con selo de calidade.

A nova infraestrutura, que se situará na parroquia de Goente, combinará actividades de producción e transformación de mel baixo a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia, a comercialización de produtos locais, e tamén contará cun espazo dedicado á formación de persoas mozas, á investigación aplicada e ao control de calidade apícola, poñendo o acento na sustentabilidade e no desenvolvemento rural.

Un convenio clave para a adquisición da parcela
O impulso ao proxecto materializouse coa aprobación onte, durante a sesión plenaria ordinaria de setembro, con votos a favor de PSOE e o PP e a abstención do BNG, dun convenio de cooperación institucional entre a administración local e a Asociación A Casa do Mel, polo cal o Concello contribuirá con 60.000 euros ao financiamento da adquisición da parcela e o inmoble onde se emprazará o futuro centro.

A parcela, cunha superficie de 1.545 metros cadrados e localizada nas inmediacións da estrada AC-564, alberga varias construcións que serán rehabilitadas, e será destinada a uso público durante un prazo mínimo de dez anos, garantindo así a súa accesibilidade e impacto comunitario. A Asociación enfronta limitacións significativas debido á falta de espazo na súa sede para desenvolver as súas actividades o que non permite o adecuado almacenamento nin a implementación de proxectos de envergadura, polo que a adquisición do inmoble garantirá a sustentabilidade operativa a longo prazo, optimizando os recursos e fortalecendo a autonomía da Asociación.

«Desde o Concello apostamos decididamente por este proxecto innovador porque representa unha oportunidade única para xerar emprego, incrementando a competitividade mediante a mellora dos procesos de produción e comercialización e potenciando a produción de calidade que xa caracteriza á nosa contorna»,salientou Valentín González Formoso, alcalde das Pontes.

«A colaboración público-privada é fundamental para activar recursos locais e consolidar modelos produtivos sostibles que fixan poboación e potencian o asociacionismo, e este centro será un exemplo dese camiño a seguir», engadiu o rexedor local.

Un espazo de referencia para o sector agroalimentario
O proxecto contempla a construción dun novo edificio de 500 m2 dividido en tres grandes áreas funcionais: Á Área de comercialización e venda directa, con espazo para produtos locais, degustacións e accións formativas; Área técnica e de innovación, con obradoiro de extracción e envasado de mel, laboratorio e zona de I+D+i para o desenvolvemento de novos produtos derivados da colmea. Servizos comúns: oficinas, vestiarios, almacéns e zona técnica.

A nova infraestrutura situarase a escasos metros do actual Centro de Divulgación Apícola de Goente e moi preto da entrada ao Parque Natural das Fragas do Eume, o que permitirá crear sinerxías entre turismo, educación ambiental e produción sostible. Ademais, o proxecto permitirá cumprir cos requisitos normativos tanto da IXP Mel de Galicia como da marca Produto do Eume, consolidando á entidade como referente no sector.

Apoio ao desenvolvemento rural e á innovación
A Asociación A Casa do Mel, constituída en 2010 e con máis de 450 socios e socias, leva máis dúas décadas promovendo a apicultura sustentable, a mellora da calidade do mel e a conservación da cultura apícola galega. Actualmente, comercializa máis de 15.000 quilos de mel ao ano, con distribución en comercios locais e venda directa a visitantes. Desde 2015, conta ademais cun convenio con Endesa para o uso de 1.200 hectáreas da antiga mina restaurada das Pontes, hoxe convertidas nun espazo de referencia para a cría de abellas raíña e a recuperación da abelleira negra galega.

Este novo centro permitirá tamén explorar liñas de innovación como a creación de suplementos nutricionais, cosméticos naturais e alimentos funcionais derivados da colmea, reforzando a posición de Ferrolterra e do Eume como territorios comprometidos coa economía circular, a biodiversidade e o rural vivo.

Lea también

Concello de Valdoviño y Seitura22 buscan la implicación de los vecinos en la creación de comunidades energéticas

Se presentó el proyecto “Redenerxía” en la casa de la cultura. Seitura 22 ha presentado …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *