
A Área Sanitaria de Ferrol acolleu este martes a unha parte dos máis de 270 alumnos e alumnas de diferentes ámbitos que se formarán durante os diferentes períodos do curso académico 2025-2026. A Área Sanitaria de Ferrol recibe alumnado de distintas especialidades tanto sanitarias como non sanitarias, e tanto de graos da Universidade da Coruña (UDC) e da Universidade de Santiago de Compostela (USC) como de diversos ciclos formativos. A Área Sanitaria de Ferrol incrementa un ano máis o número de alumnado en formación, sendo case medio centenar máis que no curso anterior.
Esta mañá, dábase a benvida ós 8 novos alumnos e alumnas de sexto de Medicina da Universidade de Santiago (USC); ós 139 alumnos e alumnas de terceiro e cuarto curso na Facultade de Enfermaría e Podoloxía da Universidade da Coruña (UDC); ós 93 de terceiro e cuarto curso de Podoloxía; ás e ós 26 Técnicos de Coidados Auxiliares de Enfermaría de diversos centros, e ós 7 de diferentes ámbitos da Formación Profesional.
Son así un total de 273 persoas que estarán a se formar nos centros sanitarios desta Área todo o curso académico 2025-2026, no caso de Medicina Medicina e de Enfermaría e Podoloxía; e ata decembro deste ano, no caso das e dos TCAE. Pero esta cifra irá medrando ó longo do curso académico xa que se van incorporando doutros ámbitos en períodos máis curtos.
Así, en total, esta Área asume a formación de alumnado de Medicina, Enfermaría e Podoloxía das mencionadas UDC e USC, pero tamén doutros graos sanitarios como Farmacia, Óptica e Optometría, Terapia Ocupacional, Bioloxía, Biomedicina, Nutrición e Dietética, Odontoloxía, ou Psicoloxía; e non sanitarios como Química, Administración e Dirección de Empresas ou Traballo Social. Lembrar igualmente tamén que os e as profesionais desta Área Sanitaria titorizan moitos dos Traballos Fin de Grao (TFG) do alumnado.
Xunto a isto, tamén dos ciclos de Formación Profesional sanitarios de Técnicos de Coidados Auxiliares de Enfermaría, Técnico en Dietética e Nutrición, Técnico en farmacia e parafarmacia, Técnico en hixiene bucodental, Técnicos de Imaxe para o diagnóstico e medicina nuclear; e técnicos de Laboratorio Clínico e Biomédico, de Anatomía Patolóxica e Citodiagnóstico, Técnico Superior en Documentación y Administración Sanitaria. Pola súa banda, os ciclos non sanitarios abranguen Seguridade informática, Administración de Sistemas Informáticos en Rede, Informática de Oficina, Asistencia a dirección, e xestión administrativa.
Alumnado 2025-2026 ASF |
Medicina |
Enfermaría |
Podoloxía |
TCAE |
FP |
8 |
139 |
93 |
26 |
7 |
|
273 ALUMNOS FORMÁNDOSE NA ASF |
|||||
Resto de graos e ciclos formativos incorpóranse en diversos períodos ó longo do curso académico 2025-2026. |
Adquirir competencias na asistencia real
No caso do alumnado de Medicina, rematan con esta formación os seus créditos para a obtención do título de médico tras superar os exames correspondentes da USC. Estes alumnos cursan materias de Práctica Clínica en anteriores cursos, onde se achegan á atención hospitalaria e do centro de saúde, e adquiren competencias xerais. En sexto curso, afondan xa en competencias máis específicas en cada ámbito, e afianzan os coñecementos máis globais.
Pola súa banda, a alumnado do terceiro curso de Enfermaría, ós que se lle daba a benvida hoxe, adquirirán coñecementos nos ámbitos tanto médicos como cirúrxicos e de saúde mental. Estarán divididos en grupos que se incorporarán ós distintos servizos e unidades en diferentes períodos temporais ó longo do total do seu curso académico.
No que se refire ós Técnicos de Coidados Auxiliares de Enfermaría proceden dos IES Leixa de Ferrol, do CPR plurilingüe Liceo La paz de A Coruña, e Centro de Formación Profesional Ilerna online, e realizarán 440 horas prácticas divididas en dúas rotacións nas distintas áreas hospitalarias ata decembro deste ano.

Agradecementos e traballo en equipo
Unha parte destes 273 novos alumnos e alumnas eran recibidos esta mañá no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, e estiveron con eles, o decano da Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus de Ferrol, Pedro Gil Manso; a xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Fernanda López Crecente; o director de Atención Hospitalaria, José Lorenzo Muñoz Iglesias; a directora de Enfermaría da ASF, Isabel Turnes Cordeiro; o responsable de Docencia da ASF e profesor asociado da USC, Ramón López de los Reyes; e tamén algúns profesionais titores que supervisarán estas rotacións.
Todos eles coincidiron maioritariamente no agradecemento por escoller esta Área, no traballo en equipo, e no esforzo dos titores. Este último aspecto enfatizouno a xerente, Fernanda López, incidindo en que “nunca se pode agradecer o suficiente o esforzo das e dos profesionais que vos forman”. E subliñou que lle “damos moita importancia á formación, sodes parte do noso futuro, e na Área Sanitaria a docencia é moi individualizada”. O decano, Pedro Gil, remarcou o recoñecemento a esta Área Sanitaria de Ferrol, “un ámbito onde a xente se coñece, o que fai que a formación sexa dunha calidade extraordinaria. Grazas a Área polo voso apoio incondicional”. Nomeou ós distintos servizos e unidades agradecendo a cada un deles o seu esforzo na formación.
Pola súa banda, o director de atención Hospitalaria, Jose Muñoz, invitou ós asistentes “a aprender da práctica diaria, dos profesionais e da realidade dos e das pacientes. O que marca a diferencia é a actitude, observade, e tede curiosidade, humildade e interese; traballo en equipo, porque nun hospital non se consegue nada de xeito illado; e compromiso, sobre todo co pacente que é o eixo prinicpal. Aprendede coidando e coidade aprendendo”.
A directora de Enfermaría, Isabel Turnes, recordou a todo o alumnado “que vos precisamos a todos. Esta é unha Área que aposta por unha formación de calidade, e é unha área moi humana. A aprendizaxe ten que ser en equipo, fomades parte dun equipo; e non esquezades que ides traballar con pacientes”. Por último, o responsable de Docencia, Ramón López, afirmou que “é un orgullo ver este salón de actos cheo. Este é un acto conxunto de benvida a tódalas ramas para integrarvos, porque, despois, imos traballar todos xuntos. Apostar pola docencia é apostar pola calidade”, remataba.
Claves para ás e ós futuros profesionais
Trala benvida, afondaron xa nunha serie de cuestións máis prácticas, as claves foron recordar que o importante é o paciente, a responsabilidade que iso leva consigo; e lembrar que o secreto profesional e a confidencialidade non son só unha cuestión ética, senón regulada por lei. A supervisora de Formación Continuada, María Luísa Fraga, adiantoulles igualmente consellos prácticos no día a día, e invitounos a manter unha continua formación e unha relación estreita tanto co paciente como cos profesionais doutras categorías. Outro dos aspetos que enfatizou foi “o fondo agradecemento ó labor das e dos titores”.
Falou, entre outras cuestións, do importante da hixiene e lavado de mans; do obrigado coñecemento dos protocolos de accidentes biolóxicos; da importancia de estar identificado; da actitude como elemento clave; de familiarizarse cos espazos e os profesionais; da protección dos datos de carácter persoal e da confidencialidade; e de garantir o dereito e, a dignidade e a intimidade do paciente.