Narón retoma os programas Apego e Guizo con propostas nos centros cívicos de San Xiao e Couto

O Concello de Narón retoma a través da concellaría de Política Lingüística, dirixida pola edil María Lorenzo, as actividades dos programas Apego e Guizo, cunha gran variedade de propostas para nenos que se desenvolverán de setembro a novembro deste ano.

A edil naronesa recordou que se trata de propostas de balde pero que requiren inscrición previa a través do Servizo de Normalización Lingüística de Narón. O programa Apego, para nenos de 0 a 6 anos, levarase a cabo novamente no centro cívico social de San Xiao, con catro propostas que darán comezo ás 17:00 horas.

A primeira delas será o día 17 deste mes, co espectáculo A Voar, de Cé Orquestra Pantasma. Unha proposta baseada no libro A voar, ao ritmo da orquestra Pantasma e na que se conta e canta a viaxe de Xoana, que mudará a súa vida. A segunda das actividades será en outubro, o día 15, Leo e a música, de Trémola Teatro, na que o protagonista, un león moi curioso, pasea polo bosque e atopa numerosos compañeiros de viaxe.

Ese mesmo mes de outubro poderase ver Sorpresa, de A Xanela do Maxín, o día 29, no que a curiosidade e a imaxinación serán grandes bazas para vivir unha divertida experiencia con caixas sorpresa cheas de historia, aventuras e fantasía.

A última proposta do programa Apego será o día 19 de novembro, xornada na que se programou un obradoiro de construción de pandeiros e cantareiras, de Semente de Trasancos, no que se empregarán materiais de refugallo e os menores participantes se convertirán por uns intres en auténticas cantareiras. A maiores, tal e como recordou a concelleira de Política Lingüística, continúan as propostas do programa Guizo, neste caso para menores de 6 a 12 anos no centro cívico social do Couto e ás 11:00 horas.

Neste caso hai tres propostas, a primeira delas o día 20 deste mes, Cestos de papel, de Pedras de Papel, no que as nenas e nenos aprenderán a facer cestos usando a técnica tradicional pero con materiais como papel. O día 18 de outubro será o turno do obradoiro O gaiteiro verde, da Fundación Legar, sobre creación de instrumentos vencellados á música de raíz, no que poderán facer petos, curuxas, ramos, rachas, bemberillas… e aprenderán a tocalos interpretando con eles cantigas populares.

A terceira actividade será o día 15 de novembro, Aprendices de ornitólog@s, de Pegadas culturais, que é un obradoiro teatralizado no que dúas dous ornitólog@s desesperados por atopar paxaros contarán coa colaboración das nenas e nenos para atopalos.

A información ao completo destas propostas pode consultarse a través da web: www.naronengalego.gal e www.apego.gal. As inscricións nestas actividades, de balde, deben realizarse previamente a través do correo electrónico a.pita@naron.gal, indicando o nome da actividade, o nome e idade do menor participante na mesma, o do nai, pai ou persoa que o acompañará, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto.

A concelleira María Lorenzo animou ás familias a inscribirse nestas propostas, “que apostan por dinamizar a cultura e a lingua galegas a través dunhas propostas que teñen tamén unha parte moi didáctica”.

Lea también

La Xove Banda de Narón ofrece un concierto en Odeón en la tarde de este sábado

El Centro Comercial Odeón acogerá este sábado a partir de las 19.00 horas una nueva …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *