Noite de Bolos convértese este venres nun poderoso tributo ao desaparecido músico nedense Marcos Neira

O Concello de Neda prepara para este venres día 5, a edición máis especial de Noite de bolos. O festival renderá tributo nesta ocasión ao desaparecido Marcos Neira, mestre e músico do municipio, finado no ano 2023. No cartel, tres grupos que foron parte da súa historia persoal e que garanten troula.

O habitual certame, previo á celebración da tradicional Festa do Pan, arrincará no paseo marítimo de Neda, a partir das 21.30 horas, E farao cunha unha homenaxe musical a este prezado veciño, que deixou fonda pegada no eido cultural e tamén no deportivo da localidade.

A velada arrincará cunha colaboración de Fran Amil, e co concerto da Fanfarria Taquikardia, integrada por instrumentos de vento-metal e percusións da que foi membro fundador. O seu repertorio é resultado da variedade de estilos, abarcando dende as melodías balcánicas ata as pezas de música clásica, bandas sonoras e música tradicional galega e latina.

Cuchufellos, o primeiro grupo no que tocou o saxo Neira, será o seguinte en saír a escena. Os integrantes desta formación, que se disolvía no 2016 tras vinte anos de traxectoria, xúntase case unha década despois para esta cita única. E con eles volve o “speed folk”, mestura singular de ska, pachanga e ritmos balcánicos que, no seu día, supuxo unha innovación ao panorama musical galego.

O broche de ouro virá da man dos irreverentes Exquisitos Ghipes de merda e a súa proposta de folk-rock progresivo. Os integrantes do grupo formaron parte da Ray Preíland Band, un proxecto colectivo inclasificable concibido y coordinado por Marcos Neira. Precisamente, nesta Noite de bolos inesquecible estrearanse temas do álbum inédito desa formación no que estaba a traballar o homenaxeado.

O festival, organizado polo Concello, a modo de prólogo da 35 edición da Festa do Pande Neda, conta co apoio da Deputación da Coruña e da Xunta, a través da Axencia de Turismo de Galicia e Abanca, dentro das axudas para festas de interese turístico de Galicia.

Lea también

La Escuela de Música Municipal de Ortigueira abre inscripciones

El plazo ordinario de matrícula estará abierto hasta el 10 de septiembre y las personas …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *