A Administración local financiará o 70% do custe do contrato, e contará coa axuda do Plan Concertado da Xunta para sufragar o 30% restante.
O Concello de Valdoviño reforza o departamento municipal de Servizos Sociais coa incorporación dunha nova traballadora social. Lidia Romero Fabal tomaba posesión do posto esta mañá, tras asinar a pertinente documentación xunto ao alcalde, Alberto González, e en presenza das que serán as súas novas compañeiras, a educadora familiar Iria García; a traballadora social Paula Fernández e a administrativa Amparo Estraviz.
O novo contrato, por tres anos con posibilidade de prórroga por outro máis, financiarase coa axuda do Plan Concertado de Servizos Sociais da Xunta, que aportará anualmente preto de 18.000 euros, algo máis do 30% do custe, namentras que o Concello sufragará o outro 70% restante con fondos propios. Entre as súas responsabilidades, estarán tarefas derivadas do Programa Básico de Inserción Social.