O Concello de Narón, a través do Padroado da Cultura e en colaboración coa Deputación da Coruña, organiza o ciclo “Cine na rúa”, que se desenvolverá durante catro xornadas deste mes de setembro noutros tantos espazos públicos da cidade.
As proxeccións son de balde, nunha pantalla de grandes dimensións, e están pensadas para público familiar, iniciándose cada unha delas ás 21:30 horas, tal e como avanzou a alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro.
A primeira das sesións de “Cine na rúa” será este venres día 5, coa proxección do filme Ruby, aventuras de una kraken adolescente na Praza de Galicia, no Alto do Castiñeiro. Unha adolescente de 16 anos, Ruby, intenta encaixar cos seus compañeiros do instituto pero ten unha norma imposta por súa nai, de non ir á praia cos seus amigos.
Ao longo da historia descubrirá que descende das raíñas guerreiras Kraken e que terá que herdar o título da súa avoa, interpretada por Jane Fonda. A segunda proxección terá lugar o día 13, cando se poderá ver na Praza da Gándara Violeta, el hada traviesa.
Violeta é unha fada que se perde no mundo dos humanos para recoller dentes de leite e facer maxia e no camiño por regresar ao das fadas se atopa cunha nena de 12 anos, Maxie, que lle ofrecerá a súa axuda para conseguir o seu obxectivo. Momias é a película que se poderá ver o día 20 deste mes na praza do colexio de Xuvia. A princesa Nefer debe casarse con Thut, un ex auriga de carros, pero ningún deles desexa facelo.
A historia, na que terán un papel fundamental outros personaxes, estará cargada de aventuras e un final inesperado. A última proxección programada será o 27 deste mes na rúa Francisco Pizarro, na Solaina, onde se poderá ver Guardiana de dragones.
Una película sobre a China imperial que discurre en gran parte nunha fortaleza nas montañas, na que unha nena axuda a escapar ao último dragón e terá que afrontar unha misión apaixoante para recuperar un prezado tesouro.