As Pontes acolle en outubro un ciclo de teatro con catro propostas escénicas

O Concello das Pontes porá en marcha, este outono, un ciclo de teatro no Auditorio Municipal Cine Alovi, que se desenvolverá os venres de outubro, do 10 ao 31, ás 20:30 horas, co que o goberno local busca achegar a cultura escénica á cidadanía, con espectáculos que emocionan, removen e nos convidan a pensar, a lembrar e a mirar con ollos novos a nosa realidade.

A programación inclúe catro obras de recoñecidas compañías galegas, con propostas que invitan á reflexión, á emoción e á reivindicación social, cun prezo simbólico de 5 euros por entrada, xa dispoñibles en www.aspontessacatuentrada.es.

A programación está composta por catro propostas escénicas de compañías galegas que mesturan distintas linguaxes e temáticas, dende a memoria histórica ata a crítica social, pasando pola emoción íntima e a reivindicación feminista.

O ciclo arrancará o 10 de outubro coa peza TROMSOda compañía Morraconto; unha viaxe poética e épica que reflexiona en clave de humor sobre a perda e o silencio que deixa a morte. A obra propón un percorrido polos mares do norte en busca de esperanza, nun espectáculo que mestura emoción, humor e beleza visual.

A seguinte semana, o 17 de outubro será a quenda para O DRAGÓN DE OURO, de Sarabela Teatro;  unha potente dramaturxia contemporánea sobre a inmigración, a identidade e as desigualdades sociais, ambientada nun restaurante asiático. A peza entrelaza historias persoais e colectivas, con tons surrealistas e fábulas inseridas que retratan a crueldade e a indiferenza da sociedade europea actual.

Xa o 24 de outubro, chegará ao Auditorio Municipal Cine Alovir a obra RECONVERSIÓNde Ibuprofeno Teatro;  un espectáculo de gran formato con oito actores-músicos que interpretan música en directo. A obra, baseada en feitos reais, reconstrúe a historia da reconversión industrial na Ría de Vigo a través da vivencia dun traballador dos estaleiros. Un exercicio de memoria colectiva entre o íntimo e o político. A obra recibiu o Premio do Público na Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia 2025.

E o ciclo rematará o 31 de outubro coa peza AS FILLAS BRAVAS DE MOMÁNde Chévere; un espectáculo musical e teatral que reivindica o papel da muller na cultura popular galega. Inspirado no cancioneiro tradicional e interpretado tamén en lingua de signos, ofrece unha mirada crítica e festiva sobre a sexualidade, os roles de xénero e a forza das voces silenciadas.

Lea también

Carabela actuarán en los ‘Xoves da Capela’ del Torrente Ballester

Los actos del 8M continúan en el ciclo ‘Os Xoves da Capela’ con la actuación …