O Océano Surf Museo amplía a súa colección con material doado por Sarah Almagro

O Océano Surf Museo vén de ampliar a súa colección. Coincidindo coa celebración da 38 edición do Abanca Pantín Classic Galicia Pro, a surfista malagueña Sarah Almagro, catro veces campioa de España de surf adaptado na modalidade Prone 2, actual campioa de Europa e campioa do mundo no 2023 oficializaba a doazón de distintas pezas ao espazo expositivo, que gana en igualdade e inclusión ao estrear vitrina dedicada á súa figura.

Aproveitando o seu paso pola proba do Para Surf League en Pantín, na que acadou unha nova vitoria, o alcalde de Valdoviño, Alberto González, e a propia deportista subscribiron o acordo polo que Almagro doa distinto material deportivo para a súa incorporación á exposición permanente do primeiro museo dedicado ao surf de España.

A colección loce xa o casco empregado e asinado pola rider, que se convertía nunha deportista de elite tras perder as súas mans e súas pernas, a causa dunha meninxite meningocócica, e precisar ademais un transplante de ril; o neopreno, adaptado ás súas necesidades, que utilizou nalgúns dos grandes momentos da súa carreira deportiva, como a confirmación como campioa da ISA World Parasurfing no 2023 ou o subcampionato do 2024; ademais de varias quillas dedicadas.

A colaboración, segundo apunta a técnica do museo, fraguouse no primeiro trimestre do ano, cando con motivo do 8M o OSM puxo o foco na carreira e na capacidade de superación desta moza de 25 anos, auténtica embaixadora do
Pantín Classic.

Con estas novidades o museo avanza na incorporación de nomes femininos á súa colección, e estrea espazo dedicado ao surf adaptado subliñando o feito de que, tal e como reza a dedicatoria de Sarah Almagro, “o surf non entende de límites”.

Lea también

Neda acoge la edición especial XX aniversario de su “Xuntanza de palilleiras”

Filigrana abre inscripción para el veterano encuentro artesana, que llega con novedades. Ya hay fecha …