A Feira Rural de San Sadurniño volverá premiar este sábado os mellores lotes de froita da comarca

Fot. César Galdo

O certame de froita autóctona, promovido polo Concello de San Sadurniño en colaboración coa AGFA do Eume, é un dos principais atractivos da feira rural que se celebrará este sábado na leira da Cortiña. Desde 2009 vén ocupando un dos espazos centrais do recinto, onde se exhiben distintas variedades de mazás, peras, claudias, pexegos e outras froitas de tempada recollidas en hortas da contorna. A diversidade de microclimas da zona fai posible que, segundo os lugares, a colleita chegue en momentos diferentes, enriquecendo así a mostra.  Como é habitual, os tres mellores lotes segundo feitura, sabor e outras características recibirán tres cestos de produto de proximidade valorados en 100 euros cada un. As inscricións no certame hai que facelas o mesmo día da feira.

Quen desexe participar poderá presentar tantos lotes como queira, sempre que cada un corresponda á mesma variedade e pese polo menos 2 quilos. En casos especiais, o xurado podería aceptar menos cantidade se a rareza ou o tamaño da froita así o xustificasen.

As pezas deberán proceder de hortas tradicionais das comarcas de Ferrol, Eume, Ortegal ou Betanzos, presentarse en cestos (non se admitirán caixas comerciais) e só se permitirá un premio por unidade familiar.

A comisión de inscrición e o xurado estarán integrados por dúas persoas expertas da AGFA do Eume e unha representante do Concello. Para avaliar os lotes utilizarán unha táboa de puntuación que terá en conta factores como a conservación de variedades antigas ou en risco, o tamaño, a ausencia de defectos, a cor, o punto de maduración, o sabor e a textura.

As bases completas poden consultarse neste enlace. Nel tamén figuran os horarios: as inscricións realizaranse de 10:30 a 11:30h na carpa principal; a continuación, o xurado iniciará a valoración e a entrega de premios está prevista para as 13:30h, aínda que podería demorarse media hora se houber algunha reclamación.

As persoas participantes recibirán como agasallo un pé de froiteira autóctona e, ademais, os tres primeiros clasificados obterán un bono de 100 euros para gastar no comercio local. Os cestos gañadores quedarán expostos na feira e sortearanse entre o público ás 19:45h.

Visitas guiadas e degustacións
O concurso non será a única actividade centrada no patrimonio vexetal. O departamento de Desenvolvemento local tamén habilitará na carpa principal da feira un espazo para probar e valorar as distintas variedades de froita que se cultivan na horta de conservación Carlos Fornos, coa finalidade de obter máis información sobre o seu potencial.

As persoas interesadas mesmo poderán percorrer a horta en dúas visitas guiadas por responsables da AGFA do Eume. A primeira será ás 11:30h, acompañada dun obradoiro de enxertado, e a segunda ás 17:30h, con contidos sobre podas de verán. As inscricións faranse no posto de información do Concello.

Ademais, a Casa do Mel conducirá dous percorridos polo colmear didáctico situado na propia horta, pensado para favorecer a polinización das árbores. Neste caso as visitas desenvolveranse ás 12:30h e ás 18:30h, e tamén será preciso inscribirse previamente no expositor municipal.

Lea también

A Deputación da Coruña impulsa la modernización de 302 pequeños negocios de municipios rurales

La Diputación de A Coruña destina 2.758.778,28 euros al impulso de 302 microempresas, pymes y …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *