O Concello das Pontes avanza a bo ritmo nos traballos de reparación da infraestrutura de paso sobre o río Chamoselo, na Pedrafita, na parroquia do Aparral. As obras, que deron comezo recentemente, foron supervisadas onte polo alcalde, Valentín González Formoso, acompañado polo concelleiro de Obras, Roberto Rivera Rego.
A actuación, adxudicada á empresa GONNABA Construcciones y Reformas S.L., conta cun orzamento de 96.110 euros e ten como finalidade dar resposta aos graves danos estruturais provocados polas fortes precipitacións rexistradas nos últimos dous anos. O incremento do caudal do río provocou o colapso da infraestrutura existente, así como dos muros de escollera que protexían a estrada, causando o afundimento do viario.
O proxecto contempla a demolición completa da estrutura actual e a súa substitución por unha ponte de formigón armado executado in situ, cunha luz libre de 6 metros e 6 metros de ancho, asentada sobre muros de escollera que garantirán unha maior estabilidade e resistencia fronte a episodios climatolóxicos adversos.
Ademais, está prevista a reposición do firme da estrada nun treito duns 50 metros, co obxectivo de reforzar a durabilidade da vía e mellorar a seguridade da circulación.
Esta actuación constitúe un proxecto estratéxico para a mellora da seguridade viaria, especialmente para a veciñanza da Pedrafita e do conxunto da parroquia do Aparral. Enmárcase, así mesmo, no compromiso do Concello de As Pontes coa conservación, modernización e posta en valor das infraestruturas municipais, coa prioridade de garantir unha mobilidade segura e o benestar da cidadanía.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
