A proposta inclúese no programa “Contares culturais nas festas de verán”.
Teatro Ghazafelhos trae este xoves a Valdoviño as súas “Historias para escagarriñarse”. O programa municipal “Contares culturais nas festas de verán” inclúe no seu cartel esta comedia, apta para todos os públicos. A obra porase en escena no adro da Igrexa do Carme, a partir das 20 horas.
A popular compañía teattral recupera polo seu 20 aniversario un dos seus primeiros espectáculos de rúa. Trátase dunha peza de humor, na que Montse Piñón, Jorge Casas e Pepablo Patinho, dan vida a tres feirantes que percorren o mundo co seu carromato contando vellas historias da cultura popular, que causan pesadelos nos incautos oíntes.
Así, ao longo da peza, repasarán, botando man do seu característico humor, historias como as de A Cabra Montesina, As Lavandeiras, a Santa Compaña… Como sempre, a participación do público será imprescindible.
A segunda edición do programa “Contares culturais nas festas de verán” volve contar co respaldo da Deputación da Coruña, a través da Rede Cultural, e máis da Axencia Turismo de Galicia e Abanca no marco da subvencións ao Pantín Classic como Festa de Interese Turístico de Galicia.