Presentado o 56 rallye Ferrol que comeza este venres con 125 pilotos participantes

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, presentou  este mércores a 56ª edición do Rallye de Ferrol, organizada pola Escudería Ferrol co patrocinio do Concello de Ferrol e da Deputación da Coruña. O evento celebrarase os días 22 e 23 de agosto e será puntuable para o Campionato de Galicia de Rallyes de Asfalto.
No acto tamén participaron o presidente da Escudería Ferrol;  a secretaria territorial da Xunta en Ferrol, Patricia Busto, e o deputado provincial, Antonio Leira.Tamçen estaban presentes o presidente da Autoridade Portuaria, Francisco Barea; os concelleiros do PP, Ricardo Aldrey e María do Carme Pieltain, e o socialista Rafa Fernández e representantes da Garda Civil e Policía Nacional.

O rexedor, José Manuel Rey Varela, expresou a súa ledicia por que esta cita deportiva, referente no ámbito automobilístico, chegue á súa 56 edición e puxo en valor o labor durante todos estes anos da Escudería Ferrol para garantir a continuidade deste rallye. Unha proba que representa “unha oportunidade de ouro para vivir desde diferentes puntos do noso municipio a emoción, a velocidade e a adrenalina deste deporte”,afirmou.

Nesta edición inscribíronse 125 pilotos, xunto con outros tantos copilotos, que sairán da avenida de Esteiro o venres ás 19:30 horas, mesmo escenario onde se entregarán os trofeos aos gañadores o sábado arredor das 21:15 horas. O sábado a saída dos vehículos producirase ás 08:00 horas desde Fimo.
O alcalde rematou a súa intervención invitando á cidadanía e visitantes a que desfruten desta festa deportiva, lembrando a importancia de seguir as indicacións de seguridade da organización.

Durante a súa intervención, Antonio Leira destacou que o Rallye de Ferrol “é moito máis ca unha carreira: é un evento de país, que mobiliza recursos, persoas e emocións, e que proxecta o nome de Ferrol e da súa comarca máis alá das nosas fronteiras”.

Leira subliñou o compromiso da Deputación co deporte como motor de desenvolvemento local, como ferramenta de cohesión social e como vía para promocionar o territorio. “Detrás de cada coche hai un equipo, un taller, unha familia, un concello implicado. Eventos coma este son claves para manter vivo o tecido deportivo da provincia”, afirmou.

A Deputación da Coruña leva anos apoiando o Rallye de Ferrol e, segundo indicou Leira, continuará facéndoo “apostando non só polos grandes eventos, senón tamén polo traballo de base, polas escudarías, polos clubs e por todas as persoas voluntarias que fan posible que o rallye sexa un éxito cada ano”.

Ademais do seu valor deportivo, o deputado salientou o impacto económico positivo que o rallye ten para Ferrol e a súa contorna, con repercusión directa na hostalería, o comercio, os servizos e a ocupación hoteleira.

Pola súa banda o presidente da Escudería Ferrol  agradeceu o apoio do Concello, do resto de institucións implicadas e das empresas privadas, así como de todas as forzas de seguridade, voluntarios, Protección Civil e pilotos e afección por contribuír ao mantemento desta cita. Así mesmo xunto á secretaria territorial destacou o impacto económico e turístico deste evento, que conta “cunha parrilla moi interesante e será un rallye disputado”.
Toda a información sobre os tramos e os horarios pode ser consultada na web do Rallye de Ferrol.

Lea también

Meritoria victoria del BBCA en A Coruña ante el Kempape en su estreno liguero

Con cinco importantes bajas se presentaba el BBCA en su debut liguero en A Coruña …