Segundo se informou por parte de Fenosa, xa deron comezo os traballos, que, unha vez concluídos, permitirán poñer en marcha os distintos bombeos que conectarán coa depuradora da Macuca.
O Concello de Pontedeume informa do comezo das obras de reforzo da liña eléctrica en Vizús, que permitirán poñer fin a 50 anos de vertidos nas praias de Ver e Centroña e á prohibición do baño na primeira.
“Para nós, rematar con esa situación é unha prioridade, e por iso xa hai uns anos que iniciamos conversas con Augas de Galicia, dependente da Xunta, para dar solución a un problema que afecta ao principal areal da nosa vila dende hai cinco décadas” sinala o alcalde Bernardo Fernández Piñeiro.
“Conseguimos que, con fondos europeos, se acometese un bombeo na praia de Ver e un reforzo dos bombeos de Vizús e de Centroña, rematando con 50 anos de vertidos e permitindo ao mesmo tempo depurar esas augas”, explica o rexedor.
Unha vez rematados os traballos de construcción do novo bombeo de Ver e a adaptación dos de Centroña e Vizús, Augas de Galicia solicitou a Fenosa o reforzo da liña eléctrica en Vizús, traballos que comezaron no dia de onte. Para iso foi necesaria, entre outras xestións, a autorización de ADIF, lograda no pasado mes de xuño.
O concelleiro de Urbanismo, Daniel Ríos, sinalou que se colaborou “en todo momento dende o Concello con Augas de Galicia para obter os permisos e autorizacións sectoriais dos distintos organismos como ADIF, Patrimonio ou Estradas”. “Atopámonos por fin na recta final do proceso”, engade.
“Cando estea finalizada esta actuaciónm e unha vez Aguas de Galicia faga a posta en marcha da instalación e entregue esa infraestrutura ao Concello, poderemos poñer en funcionamento este bombeo e rematar cos vertidos dunha vez despois de 50 anos”, conclúe o edil.