Xabier Díaz, Septeto Naborí e 10 agrupacións musicais enchen con melodías o Ares Indiano

No Ares Indiano continuarán mesturándose os ritmos galegos coas melodías cubanas grazas ás súas actuacións musicais e pasarrúas que encherán de vida as rúas do municipio ao longo do 22, 23 e 24 de agosto. Galicia e Latinoamérica uniranse un ano máis a través da cultura e da expresión artística.

Desta volta, o grupo Septeto Naborí traerá os sons de Cuba ata Ares cunha actuación envolvente, incorporando ritmos da música tradicional cubana. A súa traxectoria artística abrangue tres décadas subíndose aos escenarios, mesmo con participacións en festivais internacionais en toda Europa. Unha actuación para bailar e desfrutar o sábado, 23 de agosto, a partir das 22:30 horas.

Tamén Xabier Díaz chegará xunto coas Adufeiras do Salitre para combinar a tradición popular musical do territorio galego coas harmonías contemporáneas. Considerado como un dos nomes imprescindibles na recuperación de melodías con fondas raíces na identidade de Galicia, a voz e pandeireta de Xabier Díaz cobrarán relevancia e enfatizarán os cerca de 400 concertos e máis de 30 anos que acubilla nas súas mans, sempre cunha clara aposta pola recuperación das cancións tradicionais. Tocará o domingo, 24 de agosto, ás 22:00 h. horas na Praza da Igrexa.

A esta oferta musical do Ares Indiano é preciso engadir a todas as agrupacións locais aresáns que sumarán os seus instrumentos á celebración indiana, xunto cos grupos dos pasarrúas chegados dende o resto da comarca.

A Rondalla Trovadores de Ares, a banda de Gaitas Aresán e a de Ría de Ares, a banda de música da A.C. Xábrega, a voz de Geno Fernández, a alegría de Son de Troula e Sabor a Sal, as composicións de Os Primerizos, Os Cantaberneiros, Troianos de Compostela ou A Misela nas parroquias… unha boa mostra para que todo o mundo poida gozar e bailar durante a fin de semana.

Lea también

Se inicia la campaña estival de Trenes Turísticos de Galicia con el mes de junio completo

El director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, ha presentado este viernes la segunda parte …