Un roteiro litoral con Xurxo Souto e o concerto de Copos de Avea pechan en Valdoviño o IX Jazz de Ría

O festival reserva para o seu remate final unha das actividades máis agardadas desta edición: Xurxo Souto será o guía de excepción do roteiro Balcóns ao Atlántico, que levará ao público a pé desde a caseta de socorrismo da Praia de Pantín ata o Baleo, trazando unha ruta sinxela por paisaxes espectaculares na que se combinan tramos de campo con tramos de area. A medio camiño, no Castro do Rodo, xacemento arqueolóxico soterrado de grande valor simbólico e paisaxístico, o contador e músico coruñés, na súa dobre faceta de músico e contador de historias, volverá sobre a memoria daquelas vellas orquestras de jazz que marcaron o imaxinario musical da comarca. O roteiro comezará ás 19:00 horas e non está recomendado para persoas con mobilidade reducida.

Copos de Avena pechará o festival co solpor da praia do Baleo de fondo.

Como vén sendo habitual nas últimas edicións, o festival despedirase ao solpor na praia do Baleo cunha proposta que non pode ser máis acaída para ese privilexiado escenario: os sons cálidos do cuarteto Copos de Avena, que fusionará revisións de boleros clásicos que renden homenaxe á rica herdanza cubana, standards de Bossa Nova e tamén composicións de autoras como Silvia Pérez Cruz, Natalia Lafourcade, Rita Payés ou Jorge Drexler. A formación integrada pola vocalista compostelá, Gloria Pavía, o guitarrista e compositor vigués Iago Marta, o baterista de Domaio Héctor Agulla e a contrabaixista cubana Yudith Almeida consegue achegar unha ollada contemporánea e moi propia a todo este repertorio.

O festival completa así o seu programa xuntando nunha única imaxe todos os valores que artellan a súa proposta: música jazz diversa e de calidade, aposta polo talento galego, fusión co territorio, respecto polo patrimonio histórico e natural, e implicación coa veciñanza. A pequena ladeira que precede á praia será o auditorio natural no que se acomodará o público para escoitar a música luminosa e delicada desta novísima banda. De fondo, o solpor do Baleo, fará o resto. Será o peche a cinco días de festival percorrendo catro concellos da comarca e consolidando un vínculo cada vez máis forte cun público que, aos poucos, foi facéndolle oco a esta programación que aposta por levar o xénero jazz a todo tipo de espazos e públicos.

Case unha década construíndo unha proposta de jazz para o territorio
 
Cando o Jazz de Ría comezou a súa travesía no ano 2018 era difícil imaxinar que o seu barco ía recalar en tantos portos desta costa ártabra. Hoxe, á volta de nove anos, o festival é unha cita que cada vez máis persoas reservan no calendario, persoas que coñecen os códigos do festival, que aprenderon a comprender e amar a música jazz en todas as súas extensións e sensibilidades, e que participan activamente das propostas do programa, con cheo total en todas as que precisaban reserva.

Perico Sambeat

Nesta novena edición, o saxo de Perico Sambeat convocou no Pazo da Cultura de Narón a case catrocentas persoas que gozaron dun emocionante encontro entre o jazz e o flamenco. O sábado, a visita musicada polo Centro de Interpretación dos Muíños Industriais do Xuvia desbordou as previsións e asistencia e o vermú swing na Praza do antigo Concello abriu a xornada de festa que continuou despois no Parque Freixeiro con obradoiros e os concertos de Alba ArmengouDiego Alonso 5tet Nihil e o 25º aniversario de Sumrrá.

 O domingo, en Neda, o singular escenario da Ribeira de San Nicolás acolleu a inclasificable proposta de Trilitrate xusto despois dun paseo sonoro pola memoria musical da comarca guiado por Fernando Fernández Rego, que conseguiu sorprender e engaiolar ao público asistente con historias do pasado recente de Ferrolterra e que aínda se poderá realizar de forma libre ata o 31 de agosto capturando os códigos QR instalados nalgunhas xanelas da rúa. O luns, en Cedeira, as voces foron protagonistas co Coro da Ra e a presentación do novo traballo de Xan Campos que se atreve por primeira vez con composicións cantadas ás que lle puxo voz e sensibilidade Faia Díaz. O martes, Xurxo Souto fixo a súa maxia narrando coma ninguén historias que son patrimonio durante un paseo de luz e sal polos cantís atlánticos de Valdoviño.

O punto final dese percorrido, co público enchendo o anfiteatro natural que debuxa a na praia do Baleo para escoitar clásicos do jazz e a bossa-nova reinterpretados por Copos de Avena, foi a despedida perfecta para esta novena edición, na que o Jazz de Ría consolida a costa ártabra como parada imprescindible do mapa do jazz galego e cada vez máis tamén na escena estatal, algo que quedou constatado nas presentacións e agradecementos sobre o escenario, onde todas as bandas e artistas louvaron a sensibilidade e calidade da programación deste festival cuxa sona entre a comunidade musical xa traspasa as fronteiras galegas.
 
Así vaise construíndo ano tras ano a familia de público e tamén artística do Jazz de Ría, preocupado sempre por incorporar ao cartel propostas locais, facéndoas dialogar con propostas de artistas de fóra, e apostando por unha visión sustentable e consciente no concepto e organización do festival. Dentro da sustentabilidade social, faise unha proposta onde todas actividades son gratuítas e de acceso libre, e a organización pon especial coidado na escolla de localizacións amables, cómodas e seguras para todo tipo de persoas en canto a accesos, volume, luz, visibilidade e mobilidade. 

Lea también

Las Fuerzas Armadas demuestran su potencial operativo simulando combates en una playa de Samil abarrotada de público

El Rey,  Felipe VI, acompañado de Margarita Robles, pasó revista en la ría de Vigo …