A Deputación mantén operativas desde hai unha semana dúas dotacións de bombeiros provinciais, nun operativo coordinado coa Xunta de Galicia ante a situación excepcional que sofre a provincia ourensá.

O Consorcio Provincial Contraincendios da Coruña, integrado pola Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, continúa a colaborar activamente nas tarefas de extinción dos incendios declarados na provincia de Ourense, reforzando os equipos locais e contribuíndo á loita contra o lume nunha situación excepcional, con máis de 10 incendios activos e máis de 62.000 hectáreas arrasadas polo lume na provincia ourensá.
O presidente da Deputación e do Consorcio, Valentín González Formoso, explicou que os efectivos provinciais da Coruña levan operativos en Ourense desde o pasado martes, traballando de forma continuada en coordinación cos equipos locais, co fin de controlar os focos máis perigosos e protexer á poboación e os bens materiais. Para esta misión, a Deputación mobilizou dúas dotacións de bombeiros, integradas por 12 profesionais, dispoñibles 24 horas e que rotan periodicamente. Cada dotación conta con dous camións nodrizas e dous vehículos de mando, permitindo unha intervención rápida e eficiente en diferentes zonas afectadas.
O operativo está plenamente coordinado coa Xunta de Galicia, asegurando que os efectivos da provincia da Coruña poidan integrarse plenamente nas tarefas de extinción, control, apoio loxístico e vixiancia, mantendo sempre os protocolos de seguridade e coordinación cos demais equipos de emerxencia, incluídos axentes forestais, protección civil e voluntarios locais.
Valentín González Formoso agradeceu o traballo que os bombeiros están a desenvolver durante estas duras xornadas: “Os bombeiros da provincia da Coruña levan varios días traballando sen descanso xunto aos seus compañeiros de Ourense e doutros puntos de Galicia e a súa profesionalidade e dedicación son todo un exemplo”, afirmou Formoso, que destacou tamén “a importancia da coordinación de todos os medios dispoñibles para a a extinción dos lumes e a prevención de novos focos”.

Os efectivos do Consorcio Provincial Contraincendios no parque de Arzúa participaron tamén activamente nas labores de extición dos incendios declarados esta fin de semana en Toques e Melide, que foron tamén declarados de nivel 2 pola proximidade do lume ás vivendas.
O Consorcio Provincial Contraincendios continuará mantendo o operativo mentres sexa necesario, garantindo cobertura completa e coordinación permanente coas autoridades competentes en Ourense, coa Xunta de Galicia e o Goberno de España.