
Unha vez recuperada, aos poucos, a normalidade no subministro municipal de auga, tras a situación de excepción vivida nos últimos días por mor da rotura en varios puntos da infraestrutura que conduce a auga do Belelle ata a ETAP dos Pazos, o goberno local de Neda informará polo miúdo do acontecido. Con este obxectivo, terá lugar este venres un encontro cos voceiros e coas voceiras dos distintos grupos municipais. Ademais convocarase unha reunión aberta á veciñanza afectada.
Cómpre lembrar que, para facilitar a reparación de urxencia das fugas detectadas pechouse a canle, e activouse o baipás para traer auga dende Ferrol. A medida permitiu manter o abastecemento en moitas zonas de Neda, pero non bastou para evitar cortes no subministro durante varias xornadas noutras partes do territorio (especialmente zonas elevadas).
O rexedor municipal, Angel Alvariño, convocará este venres ao mediodía na Casa consistorial aos voceiros e voceiras dos grupos políticos con representación na corporación para informar e facer unha primeira valoración. Ademais, unha vez que Viaqua, empresa responsable da xestión do servizo, aporte a súa avaliación técnica do sucedido, o Concello convocará unha reunión aberta á cidadanía afectada para explicar as medidas adoptadas, analizar erros que puideron cometerse, e avanzar xestións e medidas que se adoptarán para evitar que a situación se repita.