O Festival Jazz de Ría desembarca en Neda cun paseo sonoro pola memoria musical da comarca

No Jazz de Ría o domingo é, tradicionalmente, un día de sesión vermú na Ribeira de San Nicolás en Neda, un dos espazos con máis personalidade do programa, que o festival trata de combinar sempre con propostas musicais pouco convencionais. Nesta novena edición, o espírito inquedo e imposible de clasificar de Trilitrate será o estímulo sonoro perfecto para este escenario, no que a banda vai presentar o seu último disco, Está de Grelo!.

Trilitrate presentará na Ribeira de San Nicolás o seu terceiro traballo, Está de Grelo!,

Este terceiro longa duración de Trilitrate, apoiado polo selo norteamericano Ropeadope (Snarky Puppy; Medeski, Martin & Wood; Eddie Palmieri…) e o selo barcelonés Gandula (Za, Sara Fontán, Gambardella…), volve sorprender con trece temas que abren unha nova fenda pola que entrar a un paraíso sonoro sen límites, onde interseccionan distintos xéneros de xeografías musicais tan distantes como a africana ou a otomá, desdebuxando as liñas existentes entre os ritmos tradicionais, as melodías da clásica, a música étnica, a contemporánea, o jazz ou o hardcore para acadar un universo propio, orixinal e desbordante de beleza, que interpretarán en directo a partir das 13.00 h. Pero antes do concerto, o público pode unirse a un curioso paseo sonoro polo interior do barrio de San Nicolás.
 
Paseo sonoro: Unha viaxe no tempo ao salón da Ribeira
Ademais de contar cun dos carteis máis audaces do panorama galego dos festivais de jazz e de escenarios naturais espectaculares, o Jazz de Ría preocúpase en cada edición por poñer en valor o patrimonio do territorio e facelo dialogar coa música. Nesta ocasión, o festival pon o foco na memoria musical da comarca de Ferrolterra, para rescatar auténticas alfaias sonoras que encheron as festas, xuntanzas e celebracións das décadas dos 50, 60 e 70 e que hoxe conseguen retrotraernos a unha época na que esta comarca conseguiu poñer a Galicia no mapa musical estatal a través de grandes hits como O tren de Andrés do Barro, o músico que levou o pop en galego ao número un de vendas en España, e onde tamén tiñan cabida moitas outras formacións musicais e orquestras de jazz.
 
Como nace a a proposta 
A directora do festival, Aitana Cuétara, conta que a idea deste paseo sonoro ten a súa orixe nunha fermosa coincidencia acontecida no ano 2021, cando o festival desembarcou por primeira vez en Neda para instalar un dos seus escenarios na Ribeira de San Nicolás: “O día que chegamos á Ribeira de San Nicolás – relata Aitana- unha veciña contounos que alí, xusto no lugar ao que queríamos levar o Jazz de Ría, houbera noutros tempos un salón de baile. Tirando do fío, soubemos que o Salón da Ribeira, activo entre finais do século XIX e principios do XX, era propiedade de Elisa Rey Prieto-Inclán e José Yáñez. A súa filla, a Señora Esperanza, faleceu sen descendencia, deixando a lembranza das súas vivencias só a algunhas veciñas”. Carmen, Rosa, Beatriz, Pachú e as súas familias abriron as súas casas e compartiron xenerosamente co festival os seus recordos para que esta memoria do Salón da Ribeira quedase rexistrada nunha pequena peza documental. Desde ese día -explica a directora do Jazz de Ría- a historia do salón e das vellas orquestras de jazz, quedaron para sempre no imaxinario do festival.
 
Imaxinar o Salón da Ribeira funcionando ata os anos 70
Aitana Cuétara decidiuse nesta edición a conectar a historia do salón coas actividades do festival, creando un percorrido musical pola Ribeira de San Nicolás para o que contou coa colaboración do xornalista e crítico musical ferrolán, Fernando Fernández Rego, na selección dos temas. Para poñelo en marcha, traballaron sobre o seguinte suposto: Como sería o baile na Ribeira se o antigo salón continuase aberto ata os anos 70? Seguramente tocarían alí Los Zares, Los Sprinters, Los Players, Los Zafiros e tantas outras formacións que agromaron desde os anos 50 en Ferrolterra e que soaban nos bailes xunto aos míticos temas de Andrés do Barro e posteriormente tamén as composicións de María Manuela, Pilarín Fajardo ou Xoán Rubia, ligado ao movemento Voces Ceibes.
 
O público poderá escoitar estas gravacións participando no paseo guiado por Fernando Fernández Rego este domingo 17 ás 11:30 horas, xusto antes do concerto de  Trilitrate na Ribeira; ou descubrilo pola súa conta camiñando polo interior do barrio mariñeiro de San Nicolás e escaneando os códigos QR que estarán dispoñibles para escoita libre ao longo da rúa do Castro, do 15 ao 31 de agosto. Recoméndase levar auriculares.
 
O Jazz de Ría está organizado por Luneda Producións e promovido polo Padroado da Cultura do Concello de Narón, o Concello de Neda, o Concello de Cedeira e o Concello de Valdoviño, coa colaboración da Deputación da Coruña a través da Rede Cultural, e AIE (Artistas en Ruta).

Lea también

Comienzan los ensayos de la ópera Carmen con la que se abrirá la 73 Temporada Lírica de Amigos de la Ópera

Los ensayos de Carmen, con la que se abrirá la 73ª Temporada Lírica de Amigos …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *